Literatura mortal

É curioso constatar como nunha cultura como a galega, onde existe unha especialísima vivencia da morte como realidade, non hai, porén, excesiva literatura crítica sobre o tema. As galegas e galegos medramos educándonos nunha visión ben particular desa fronteira derradeira e todo o que a rodea, pero non abundan os tratados e os foros que se ocupen dela.

Xustamente por iso, que dende a Vogalía de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega se promovesen no pasado novembro as III Xornadas de Literatura de Tradición Oral dedicadas á “Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas” é, a meu ver, unha máis que oportuna decisión.

Testemuña fiel do moito e moi interesante que nesa xuntanza se contou son as Actas das III Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas que agora ven luz como número especial da revista voceiro da AELG, Escrita Contemporánea.

Quen se achegue ás páxinas deste volume descubrirá o vizoso mundo ritual e simbólico que en Galicia se tece ao redor da morte, como moi ben explica Marcial Gondar Portasany nun longo artigo a propósito de “As narrativas sobre a morte na cultura tradicional galega: estratexias de posta en valor”. Mais tamén terá ocasión de comprobar que noutros espazos culturais esa vivencia é tamén singular de seu, como acontece coa conferencia “Da morte á Morte na cultura popular catalá”, do estudoso Joan Soler i Amigó. Mesmo terá modo de realizar un completo percorrido pola presenza e papel xogado pola morte na nosa contística tradicional grazas ao estudo da profesora María Camiño Noia Campos “A representación da morte na narrativa oral”. E, por descontado, se a preferencia lectora dun pasa por abeirar no insólito e desusado, a miña recomendación é que lean o estupendo traballo de Xoán Ramiro Cuba “Ánimas, aparecidos e mortos en compaña na tradición galega”, escrito co que, xunto á reprodución de dúas mesas redondas habidas entre os conferenciantes, se completa o groso deste volume.

Estou convencido da necesidade de insistir na pertinencia de publicacións como a presente, pois sei ben da invisibilidade que en tantas ocasións sofre a nosa cultura tradicional e, máis aínda, a nosa literatura oral. Se ese desleixo se gasta co tratamento dun tema que, como pobo, nos identifica tan nidiamente como é o da morte, iso non quere dicir senón que un dos nosos sinais distintivos vai camiño de desaparecer.

Por iso merecen beizóns tanto Antonio Reigosa e Isidro Novo, coordinadores das xornadas, como a propia AELG e a Deputación Provincial de Lugo, entidades que proporcionaron o soporte necesario para que este ciclo de conferencias tivese lugar e, o que non é menos importante, para que logo puidese ter vida perenne en papel e aínda en formato dixital, pois este número de Escrita Contemporánea acompáñase dun cd para que, quen queira facelo, poida oír da propia voz dos participantes todas e cada unha das intervencións das xornadas.

Haberá que agardar a que estas xuntanzas que agora se consolidan a través xa da súa terceira convocatoria continúen en vindeiras anualidades a sorprendernos gratamente con novos temas para tratar que iluminen, como ata o de agora o fixeron, tantas rexións aínda escuras do noso saber tradicional. Polo momento, aquí están estas Actas das III Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas das que tanto, e tan curioso, se pode aprender.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 23-1-2010]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual, Literatura galega de tradición oral e etiquetada , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Literatura mortal

  1. Marcos Candia Cuba di:

    Boa tarde. É para min unha honra ser partícipe do nacemento deste novo blog na rede.
    Gracias por todo o teu traballo en prol desta nosa lingua. Alédame saber que o galego ten un novo recuncho na Internet, onde se estuda, e divulga dunha forma, francamente excepcional. Nunca se agradecerá, todo o que se debería, o teu traballo. De novo felicitacións. Espero que bitácora medre máis e máis e se convirta, no que merece: un referente sobre o estudo do galego, e dos que usan para expresarse.

    Saúdos curmán.

Os comentarios están pechados.