Que Antonio García Teijeiro é un dos nosos máis destacados autores infantoxuvenís é algo que, entendo, pode concitar o acordo xeral.
Volve demostralo agora regresando á actualidade literaria coa publicación na veterana Colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia do relato Verbas de sal, ilustrado fermosa e suxestivamente por Alberto Vázquez.
Verbas de sal é unha deliciosa historia de amizade e fe no valor da Palabra. Un alegado a favor da Poesía nestes tempos paupérrimos nos que o telelixo o fagocita todo.
Dos non poucos acertos desta delicada narración quedo, sobre todo, con dous: a habelencia para servirse da figura do narrador / autor implícito en apelacións e apóstrofes directos dirixidos ao público lector que saben gaña
r o seu favor e complicidade e, tamén si, o acaído manexo da selección léxica e das solucións estilísticas de García Teijeiro, quen sen renunciar ás luzadas metafóricas, os xogos de palabras, os símiles xenuínos e a poesía, non por iso barroquiza un texto que, como ten sempre ben presente, vai dirixido aos primeiriños lectores autónomos, idade suficientemente temperá como para non escurecer en demasía unha historia que pretende, antes nada, envolvelos coa súa fantasía, a súa auréola máxica.
Verbas de sal de Antonio García Teijeiro é a proba máis palpable de que a boa literatura, cando o é de verdade, fai das nenas e nenos felices lectores e dos adultos que pareceron esquecer tal condición novamente cativos.












Pingback: Crítica de Armando Requeixo sobre «Verbas de sal», de Antonio García Teijeiro | Xerais