O Cunqueiro lucense

Co título de Viaje a Lugo. Páginas sobre la ciudad Alvarellos Editora recupera unha escolma de artigos de Álvaro Cunqueiro dedicados á cidade amurallada.

Editados e anotados por María Xesús Nogueira (quen tamén asina un estudo introdutorio, escrito en castelán, que antecede os textos), os artigos aquí reunidos, redactados en castelán e galego por Cunqueiro, pasan revista á historia, xeografía e diversos aspectos da cultura inmaterial lucense, como as afamadas feiras e festas do San Froilán ou a relación do autor con algún dos seus autores máis célebres (Pimentel e Fole, sobre todo).

Evidentemente, non figura compilada a totalidade dos escritos que sobre Lugo e as súas xentes publicou en vida Don Álvaro, mais si se inclúen neste Viaje a Lugo algúns dos artigos máis representativos desta temática, textos amais que, en grande parte, figuraban xa compilados en anteriores colectáneas, como O reino da chuvia (1992) de Mabel Mato, onde xa andaba impreso un cuarto do libro que agora ve luz.

Os devotos de Cunqueiro teñen neste Viaje a Lugo un interesante volume no que poderán gardar por xunto algúns dos seus textos máis emblemáticos sobre a cidade bimilenaria, a Lucus Augusti que tanto apreciaba o mindoniense e agora asoma dende a reprodución da moenia debuxada por Blas Lourés na cuberta desta moi coidada edición material de Alvarellos Editora.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Varia e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.