Literatura courelá

As terras altas do Courel veñen tendo nos últimos meses unha presenza cultural e, particularmente, literaria que ben merecían dende sempre. Nesa liña de necesaria visibilización dun territorio por moitos motivos singular inscríbense dous novos títulos hai ben pouco aparecidos no mercado: Lembranzas d’O Courel, de Jesús Alfonso Parada Jato, e mais O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar, de Isidro Novo.

O volume de Parada Jato (publicado por Toxosoutos) é continuación dun seu libro anterior ao que titulara, descritivamente, Usos, costumes e cousas do Courel (2007). Ao igual que naquela primeira entrega, tamén nesta o divulgador courelao pasa revista a diversas realidades da cultura material e inmaterial dos seus eidos nativos, construíndo unha monografía ecléctica na que, xunto a cuestións etnográficas como os labores do campo, os oficios tradicionais ou a descrición xeohistórica de lugares, se reproducen tamén textos da literatura de tradición oral (romances, coplas, contos, lendas…) e aínda outras cuestións que teñen a ver coa lexicografía (como un glosario de barallete) e outras disciplinas.

Coido que o mellor da obra reside xustamente no tesouro informativo que supón, pois ben poucos antes de Parada Jato se ocuparon de poñer por escrito todos estes saberes e costumes courelaos. Pola contra, nas tarefas a optimizar sinalaría eu: a (moita) falta dun índice xeral nun libro que supera amplamente os dous centos de páxinas e que figura dividido en numerosas seccións e apartados; a necesidade de discriminar os materiais orixinais dos que non o son, evitando as introducións e panorámicas que se limitan a reproducir entradas de enciclopedias e manuais escolares (neste sentido, a bibliografía é especialmente caótica, pois nela conviven o dicionario de Madoz con números da Muy interesante, estudos de Xaquín Lorenzo, X. R. Mariño Ferro ou X. A. Fidalgo Santamariña co Pequeno Dicionario Xerais da Lingua ou o Almanaque agrícola. 2008, Syngenta Agro); a acientificidade na reprodución de textos da tradición oral, dos que non se nos dá información precisa nin do lugar de recollida concreto, nin do informante, nin do tempo no que se realizou; e, sobre todo, eliminar a diglosia que abafa certas pasaxes, con, poño por caso, textos latinos que se traducen ao castelán ou citas bíblicas que se fan nesta lingua.

E, malia a todo, insisto, Lembranzas d’O Courel constitúe unha aproximación ben interesante para aqueles que queiran coñecer con maior fondura a cultura dunha bisbarra de noso que aínda segue a ser, para moitos, terra incógnita.

Moi diverso xorne presenta o segundo dos títulos aos que me referín: O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar. Concibido como unha guía para desenvolver diversos roteiros por aquelas terras, nel Isidro Novo sérvese dos versos do poeta de Muller pra lonxe para ir propoñendo excursións aos montes e lugares courelaos.

A plasticidade da prosa de Novo, con recendos poéticos en tantos treitos, consegue engadar o lector e facelo partícipe da maxia que encerran lugares míticos da poética novoneyriana como Moreda, Parada, o Pía Páxaro, Monte Cido, Carbedo, Esperante, a Devesa da Rogueira, Lucenza e tantos outros.

A idea desta guía, editada na Colección Viaxes Literarias da Asociación de Escritores en Lingua Galega, é feliz ocorrencia que se ha revelar como utilísima compañeira de viaxe para todos os que se fagan con ela e visiten O Courel, tan ben captado nas instantáneas e planos que acompañan este valioso libro de Isidro Novo.

Como se bota a ver, O Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe ten na verba de Jesús Parada Jato e Isidro Novo dous entregados embaixadores a espallar as súas bondades. Que sexa con ben.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Literatura courelá

  1. Jesus alfonso parada jato. di:

    Diglosia? ???????????????????????????
    Se eu situase a lingua galega en situación de diglosia escribiria en castelán…Non lle parece?
    O indice iso foi cousa da editorial (como tantas outras) entre o que nos facemos e o que logo se publica hai un treito.
    Que non se discrimina entre as miñas aportación e as de outros…Outros ainda o fan peor e ben que lles vai…
    Que non cito a procedencia das cantigas…Tampouco hai porque facelo…
    Saudades dende o Caurel

    • Jesús Alfonso:

      Primeiramente, grazas por te animares a dar o teu parecer. Coido que é moi positivo termos a oportunidade de intercambiar cordialmente opinións respecto de asuntos que a ambos nos interesan.

      Canto ás túas observacións ás miñas obxeccións, gustaríame dicir o seguinte:

      1) ¿Por que entendo que mantés unha actitude diglósica? Verás: se ti escribes un libro en galego de 237 páxinas e, por necesidades da túa argumentación, decides inserir nel citas de textos noutras linguas, podes facer dúas cousas: a) manter as citas na lingua orixinal ou b) traducilas. Ora ben, se escolles esta última posibilidade, e tendo sempre presente que o teu libro está redactado en galego, o que non é de recibo é que decidas traducir ese texto a outro idioma que non sexa aquel no que está escrito a túa obra, é dicir, o galego. Daquela, ¿por que traduces a inscrición latina da “Tabula Lougeiorum” ao castelán (p. 11)? ¿É que o galego que empregas nas outras 236 páxinas non é un idioma o suficientemente funcional para verter a el un texto latino? O que sucede é que, nese punto, mantés unha actitude diglósica, o que non quere dicir que te manexes de modo absoluto como individuo diglósico, senón que, nesa decisión concreta, amosas prexuízos lingüísticos.

      2) Xustificas a ausencia dun índice no teu libro escusándote en que foi unha decisión editorial. A ver: todos os que tivemos a fortuna de publicar algún libro sabemos que existen as probas de imprenta. Por tanto, se ti inicialmente dispuxeches un índice para o libro e este “desapareceu”, na corrección de probas puideches ter detectado a falta e reintegralo. E se, polo que for, a eiva non foi corrixida por parte da editora (cousa ben insólita, pois sería a primeira noticia que teño dun libro que unha editorial decide, deliberadamente, publicar sen índice ningún), está na túa man, como autor, solicitar da editora que o libro se distribúa acompañado dunha fe de erratas na que reproduzas o índice.

      3) Á miña obxección de que non discriminas os discursos propios dos que reescribes a partir das achegas doutros respondes: “Outros aínda o fan peor e ben que lles vai…”. Como comprenderás, para este caso que nos ocupa, a min non me importa o que fagan ou deixen de facer outros, porque, que eu saiba, Lembranzas d’O Courel non o asinan outros, senón que o asina Jesús Alfonso Parada Jato, tal como reza na cuberta do libro e nos créditos do mesmo e, por tanto, é a ti, e a ninguén máis, a quen eu ou calquera lector debe pedirlle contas polo traballo.

      4) Sostés que non citas a procedencia das cantigas porque “Tampouco hai por que facelo”. Se queres que o teu traballo teña valor como documento que dea a coñecer con fiabilidade a vizosa literatura de tradición oral courelá si que tes que facelo. ¿Por que? Porque de non facelo eu ou calquera outro estudoso da literatura galega de tradición oral pode poñer en dúbida a veracidade dos textos que achegas. E enténdeme ben: non estou acusándote de “inventar” os textos. É máis, teño a sospeita firme de que son “auténticos”, pero presentalos do xeito no que o fas invalídaos para a comunidade científica.

      Gustaríame que os meus argumentos tivesen unha incidencia positiva no teu, por outra parte, moi meritorio labor e creme se che digo que, se decido facelos públicos, é pensando no ben de Lembranzas d’O Courel, ao que lle desexo unha moi pronta reedición na que, se é posible, reconsideres se algunha das ideas aquí vertidas che podería ser de axuda.

      Saúdos dun mindoniense.

  2. Jesus alfonso parada jato. di:

    Eu o que trato de dicir é que entre o que eu puxen e o que apareceu publicado hai un treito…No libro aparecen erros e carencias(ademáis das que vostede citou) das cales eu tampouco teño culpa.
    Xa me pasou cando publicaran Usos, costumes…A agora voltou a repetirse a historia.
    Hai probas de imprenta, si …Porén as veces logo de facelas aparecen erros e carencias que un non cometeu…E o seu autor ten que “dar a cara” e aguantar críticas, cando el as veces so tivo atrancos por todas partes…

    Sorte de publicar un libro???????????????????????Non sei que lle diga, no me caso foran catro e de sorte houbo ben pouco.
    Saudades dende o Caurel.
    Apertas.

Os comentarios están pechados.