Teatro recuperado

Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita.

No breve pero documentado estudo introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.

Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figura en volume tamén a amentada Rosiña, ás que aínda habería que sumar as recentes edicións de Alfonso Rey López do drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.

Como queira que aínda fica abonda obra teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Teatro recuperado

  1. Antonio Rey Somoza di:

    Teño que dicir que Xenreira e Versos escritos en Buenos Aires foron editados por Alfonso Rey López. Agradezo a reseña.

Os comentarios están pechados.