Monthly Archives: Marzo 2011

Lecturas confesas

Xulio López Valcárcel, poeta xenuíno onde os haxa, narrador de voz ben singular e ensaísta de finísimo olfacto crítico, acaba de publicar na que é a súa casa dende hai anos, Espiral Maior, o volume Confesión de parte, subtitulado para máis sinais “Inventario de lecturas e poéticas”.

O que neste libro ofrece López Valcárcel é nada máis e nada menos que unha escolma dalgúns dos seus mellores artigos sobre temas literarios galegos de entre os dados a coñecer dende fins dos anos oitenta ata onte mesmo. Como non podía ser doutra maneira, os temas tratados son moi dispares e van dende a escrita memorística da educación sentimental e lectora primeira (“Anos de aprendizaxe”) ata a reflexión teórica sobre a (in)existencia da nosa literatura (“Existe unha literatura galega?”), pasando pola autoanálise poética e emotiva (“Vivencia da casa”), a prospección na obra pessoana (“Mestre Caeiro”), a consideración dende a distancia temporal da contribución realizada polo colectivo Cravo Fondo (“Cravo Fondo trinta anos despois”), a experiencia tradutora (“Unha antoloxía de poesía mapuche”) ou o balance da actualidade poética de noso (“Poesía galega, 2009”).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Biopic Pereiro

Achegarse á vida e á obra de Lois Pereiro para facelos comprensibles ao grande público non é tarefa precisamente doada.

Ben sabía do desafío que tal supuña Marcos Calveiro cando aceptou escribir para Edicións Xerais unha biografía novelada con escolma incluída dalgúns dos seus máis significativos versos.

O resultado desa proba de lume é Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, texto transxenérico que participa por igual do relato documental e a crónica novelada, nunha liña que xa ensaiaran antes entre nós, con desigual fortuna, Xosé Antón Neira Cruz, Marilar Aleixandre ou Antón Lopo, entre outros.

Mais hai na aposta de Calveiro un achado estrutural que coido abondo atinado: as luces e sombras de Pereiro chegan a nós nunha sucesión de escenas cinematográficas nas que, tras introitos didascálicos de intensión poética, figuran imaxinarios diálogos daqueles que trataron en vida o autor e foron a súa tribo.

Pairando sobre os principais trazos e textos de Pereiro, unha sorte de experimental cadea de flashes ao Wenders fai que Calveiro consiga devolvernos o retrato máis humano e conmovedor dun poeta que viviu defrontado sempre co seu peor inimigo: el mesmo e a súa circunstancia.

A completa cronoloxía final, o suxestivo apéndice fotográfico e a representativa antoloxía de textos cos que se pecha a obra non son senón acaídos títulos de crédito deste logrado biopic literario que, de seguro, agradará aos que lle presente ollos para máis saber da furia húmida e letal do inmenso Pereiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario

Retratando a Maruja Mallo

A vida de Maruja Mallo ben parece unha novela, pois foron moitas as aventuras e desventuras que esta viveirense universal houbo de vivir ao longo dos máis de noventa anos que permaneceu entre nós.

Nos últimos tempos foron varios os estudosos que se achegaron á súa figura para biografala, pero faltaba aínda unha investigación rigorosa e exhaustiva que desvelase todos os pormenores da súa peripecia vital e autorial na Preguerra.

Pois ben, ese documentado ensaio chegou da man de Carlos Nuevo Cal e Emilio Ínsua López, coautores da monografía Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, significativamente subtitulada “Materiais para unha biografía exacta e completa da pintora viveiresa entre 1902 e 1936”, obra coa que obtiveron o XXIII Premio Ánxel Fole.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Deriva crítica IV

Para rematar con esta serie de Derivas críticas, préstame agora considerar, sequera brevemente, o moi espiñento tema das estreitas relacións que, por veces, poden darse entre críticos por unha banda e responsables de medios de comunicación ou directivos editoriais por outra.

Neste sentido, o labor do crítico pode verse moi seriamente influído se o medio de comunicación co que colabora exerce sobre del unha presión que condicione o seu xuízo dunha obra, pois, en casos extremos, podería mesmo chegar a desembocar nunha sutil (ou non tan sutil) censura baseada na chantaxe de que quen paga a colaboración crítica ten o dereito de, digamos, “supervisar” a “aprobación” dos contidos da mesma. Por descontado, está nas mans do crítico profesional evitar esta situación infecta: se detecta aínda que sexa a máis leve insinuación de presión conducente a variar unha opinión libremente emitida sobre un texto, a solución é ben simple: debe esixir a publicación da súa crítica sen alteración ningunha ou, caso de non concedérselle, deixar de colaborar co medio.

Canto ao vínculo que pode chegar a unir a críticos e empresarios editoriais, este pode estreitarse ata o extremo da amizade íntima e incondicional, o que, evidentemente, invalida de raíz calquera recensión que tales críticos produzan de calquera libro publicado por esas editoras.

Hai outras circunstancias, se cadra non tan notorias pero igualmente presentes, que axudan a responder esa pregunta tantas veces formulada sobre o grao de independencia da nosa crítica, mais abonden polo momento as que aquí se propoñen. Agora depende dos que isto ledes e das observacións que queirades ofrecer que poidamos seguir a debater para iluminar as rexións escuras de tan complexa realidade. Agardo os vosos comentarios.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Derivas, Literatura galega | Coas etiquetas | 4 Comentarios