Intrigas mexicanas

Francisco X. Fernández Naval publicou recentemente a terza entrega da serie novelística protagonizada por Suso Espada, ese seu detective que, dende o propio nome, rende homenaxe ao Spade de Hammett e que ten modos e faceres que lembran outros investigadores creados polos máis grandes do xénero.

En Suso Espada. “Nota Roja” o homónimo personaxe viaxa a México para tentar resolver o enigma que rodea o secuestro dun seu primo que vive en Oaxaca. Con esa escusa, iremos descubrindo a través dos ollos do empregado da axencia ADN (Axencia de Detectives Nabucodonosor) xentes e lugares que nos devolven un suxestivo e singular retrato do país centroamericano.

Vertixinosa, mistérica e sorprendente, a novela espreme con mestría o recurso da intriga, ao que axuda unha escolleita galería de personaxes sabiamente caracterizados e uns diálogos áxiles e cribles.

Se esquecemos algúns saltos de raccord (personaxes de idades cambiantes) e a máis que discutible decisión de reproducir determinados parlamentos en castelán (algo que dende o realismo narrativo nin se precisa nin se xustifica), este Suso Espada. “Nota Roja” é un ben notable relato, de talento certo na escrita e segura aventura na trama, valores que saberán apreciar quen anden á procura dun texto ameno e de calidade para solaz das horas.

[Publicado nos xornais Faro de Vigo, 3-3-2011 e La Opinión, 12-3-2011]

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Narrativa galega actual and tagged , , , , , . Bookmark the permalink.

2 Respostas a Intrigas mexicanas

  1. Nicolás di:

    Temos ademais ao Chisco de finalista dos premios da AELG (tamén está no apartado de poesía, o moi abusón!). Novela xuvenil na que os adultos non van perder o tempo. Do que máis gocei foi dos comentarios de costumes locais, moi interesantes e documentadas como adoita Fernández Naval. Moi bo libro, si señor.
    Unha aperta, Armando, que xa ves que me estreno por esta casa.
    N.

    • Amigo Nicolás: Antes nada, moitas grazas por deixares a túa pegada lectora nesta casa. E si, tes razón, Fernández Naval figura con esta obra como finalista dos Premios AELG na categoría de Mellor Obra Infantoxuvenil, ao meu ver, con toda xustiza. Amais, como ben dis, tamén está proposto na categoría de Poesía polo seu magnífico “Bater de sombras”, que tamén foi comentado en Criticalia (http://armandorequeixo.blogaliza.org/2011/02/01/ovos-de-sombra/). En ambos os dous casos, e sen desmerecemento dos seus colegas nominados, deséxolle a mellor das fortunas. Saúdos!