Poesía félida

Fran Alonso, escritor de longa e recoñecida traxectoria, acaba de dar ao prelo O meu gato é un poeta, ao meu ver un dos máis orixinais poemarios infantoxuvenís da Galicia dos últimos anos.

Concibido coma un libro interactivo, O meu gato é un poeta ten natural extensión na web www.gatopoeta.net e aínda complemento sonoro no cd que acompaña o volume e no que se recollen media ducia de textos recitados xunto á música para eles ideada por Xurxo Souto.

Poemario polimorfo e lúdico, quen visite as súas félidas páxinas gozará de todo un festival creativo: suxestivos poemas visuais, caligramas, acrósticos, anagramas, palíndromos, bifrontes, ciclogramas, paronomasias, poemas en prosa, haikus, cantigas, poemas decálogo, poemas fonosimbólicos, poemas de especialísima disposición tipográfica e pictográfica, blacks pages, poemas anuncio, textos invertidos, poemas horóscopo, composicións en eco, poemas menú…

Enxeñoso, divertido, versalmente harmónico e fondamente expresivo, O meu gato é un poeta é unha recomendación ideal para lectores autónomos prepúberes. E tamén, si, xaora, para todas e todos aqueles adultos que aínda non esqueceron o fascinio da palabra poética cando esta incha como un globo e acaba por rebentar nun mundo de sensacións comunicantes.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Poesía félida

  1. Pingback: Crítica de Armando Requeixo sobre «O meu gato é un poeta», de Fran Alonso | Xerais

Os comentarios están pechados.