Monthly Archives: Abril 2011

Antonio Piñeiro, baixo a chuvia

Antonio Piñeiro (Santa Uxía de Ribeira, 1962) é un escritor e editor en moitos sentidos singular, pois á súa faceta de artesán do prelo —con coidadísimas publicacións realizadas completamente a man, seguindo a vella usanza— une a de escritor bilingüe en galego e castelán.

Neste último eido hai pouco viuse recoñecida a súa dedicación co prestixioso Premio Ángel Urrutia Iturbe ao seu poemario Niños en la lluvia. O galardón, convocado polo Concello de Lekunberri e patrocinado polo Departamento de Educación e Cultura do Goberno de Navarra, que é quen edita o libro gañador, foille entregado o pasado 10 de abril nunha cerimonia na que estivo presente a viúva do poeta pamplonés, Inatxi Galarza.

A amigable xenerosidade de Piñeiro foi a causante de que fose convidado a pór unhas palabras de soarego a este excelente poemario. Reproduzo agora aquí, traducido, un extracto das mesmas como convite á lectura dun volume máis que estimable.

Niños en la lluvia pode ser un cordial compañeiro de singraduras, un astrolabio versal orientador co que ir aprendendo a asumir a implacable ferruxe dos días que se suceden, o melancólico aínda que plácido recordo do pasado que outrora habitamos e o presente de fugaces instantes que nos configura.

Os versos de Piñeiro están feitos a retrincos de quietude cotiá. Hai en todo o libro unha sorte de levísimo cendal ou vaga nebulosa que o impregna coa humana comprensión da imparable sangría que en nós opera o fluír da “arena de los días”. O Tempo como arxila xerminal, légamo raíz do que estamos feitos, “el tiempo que llena/ las cosas, los olvidos, la nostalgia”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Outras literaturas | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Lois Pereiro reloaded

Unha escolma é sempre un vitral a través do cal ollar a luz que deita a escrita dos autores.

E como escaparate, como crisol no que atesourar as luzadas todas do lostreguear lírico do incomparable Lois Pereiro, a Antoloxía poética que asina o xornalista e poeta Daniel Salgado é miradoiro privilexiado.

Ideada como amplo e representativo mostrario do conxunto da produción do monfortino, a selecta de Salgado vai antecedida dun elaborado estudio introdutorio no que repasa non só os principais socalcos que caracterizan a súa obra poética e aínda narrativa, senón tamén outras circunstancias que teñen que ver coa recepción desta, así como coa súa inserción no momento literario que a viu xurdir.

Neste sentido, son especialmente reveladoras as palabras do editor cando afirma que Pereiro “na literatura do seu tempo, enfrontouse á morte e aos poetas profesorais, incorporou as tebras postindustriais á súa escrita, desprezou a indolencia política nos seus pares, denunciou a quen pretenden allear o poema do sangue e da carne”.

Preciso, suxestivo e lúcido, Daniel Salgado ofrece nesta Antoloxía poética de Lois Pereiro un catálogo textual que satisfará por igual a estudantes e curiosos e mais a lectores avezados.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía galega | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Deriva académica II

A literatura infantoxuvenil galega (LIX) conta hoxe con representantes de calidade extraordinaria, así recoñecida nacional, estatal e internacionalmente. Hai en Galicia ducia e media de creadoras e creadores que conforman un verdadeiro dream team literario que non sempre soubo recoñecerse suficientemente.

A pregunta neste caso, xa que logo, sería a seguinte: ¿cantos Premios Nacionais de Literatura máis, cantas insercións no White Ravens máis, nas listaxes de honra do IBBY, cantos Premios Lazarillo, Barco de Vapor, Pier Paolo Vergerio, Edebé, cantas presenzas máis na Fiera Internacionale dei Libri per Ragazzi de Boloña, a cantas ducias de linguas máis necesitan estar traducidos os libros das nosas autoras e autores da LIX para que se lles faga xustiza? ¿Acaso non teñen currículo abondo para ser membros da RAG Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Antonio García Teijeiro, Paco Martín, Xoán Babarro e outros tantos nomes que se poderían amentar? ¿Será que o seu coñecemento da lingua non os habilita competentemente para enriquecer os labores lexicográficos da Academia? ¿Ou talvez non amosaron suficiente compromiso co idioma e a cultura que esta representa? ¿Quizabes non estiveron tanto como debían na primeira liña de promoción e difusión desa lingua, sementando miles de falantes e lectores dende o ámbito docente ao que moitos deles pertence(ro)n?

Semella evidente que a RAG tivo motivos fundados para excluílos ano tras ano das súas escollas. ¿Pero cales? E o que é máis importante: ¿seguirá dando as costas á axuda que elas e eles poderían prestar á Academia dende as súas filas? ¿Alguén na Academia se parou a pensar no peso específico que, cualitativa e cuantitativamente, ten este dream team de noso, alguén reflexionou na proximidade real que estas autoras e autores e as súas obras teñen co lectorado de a pé, coas xentes do común, con esa Galicia alén dos restritos circuítos especializados que a RAG ten de representar?

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Derivas, Literatura galega | Coas etiquetas | Leave a comment

Ventos literarios do Suroeste

O panorama literario estatal é suficientemente vizoso como para contar cun par de ducias de importantes revistas culturais nas que, de xeito periódico, vai desfilando o melloriño da escrita que se produce ao sur dos Perineos.

Agora ben, son contadas as cabeceiras que teñen como razón primeira de ser o crear un espazo de converxencia das literaturas que se expresan nas diferentes linguas peninsulares. Pois ben, ese é o espírito fundacional que anima Suroeste, que nace xa cun subtítulo revelador: “Revista de literaturas ibéricas”.

Nas páxinas deste primeiro número de Suroeste, impecablemente editado pola Diputación de Badajoz e mais a Consejería de Cultura y Turismo da Junta de Extremadura, terra ela fronteiriza de seu, reúnense un feixe de máis de corenta traballos de moi diverso xorne, pois figuran reproducidos tanto poemas coma narracións, igual ensaios ca textos críticos.

Para os nosos lectores Suroeste amosa un interese certo, pois as súas planas ábrense, precisamente, cos versos galegos de Xosé María Álvarez Cáccamo, que non é o único conterráneo en participar na publicación, pois nela descóbrense tamén poemas en castelán de Antón Castro e César Antonio Molina.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Varia | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment