Mundo Zeller

Non era moito o que se coñecía por estes lares do poeta e artista plástico chileno Ludwig Zeller. Por iso, que agora se edite unha escolma da súa produción baixo o título de Infinito presente é un acerto polo que hai que felicitar tanto á casa editora, Espiral Maior, como, sobre todo, ao autor da versión galega desta antoloxía bilingüe, o tamén poeta Francisco Xosé Fernández Naval, pois axudan co seu labor a paliar ese non pequeno descoñecemento.

O medio cento de textos recollidos neste volume dan cumprida idea do extenso quefacer de Zeller, poeta hoxe octoxenario do que se trasladan versos escritos ao longo dun moi amplo período de tempo, que vai dende os anos cincuenta ata hai ben pouco.

O mellor desta edición —prologada por Gabriela León e Fernández Naval— está, ao meu ver, no esforzo por conservar na tradución a musicalidade e a limpa dicción de Zeller, que brilla aquí na variedade de rexistros estilísticos e temáticos que lle son característicos.

Tan só unha nube atolda este ceo: as discutibles licenzas que Fernández Naval se toma á hora de suprimir algún texto que figuraba no orixinal ou de mudalo dándolle un sentido totalmente diferente. Salvadas tales opinables decisións, este Infinito presente é un inmellorable guieiro para internarse no mundo Zeller.

[Publicado nos xornais Faro de Vigo, 28-4-2011 e La Opinión, 30-4-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.