Cantos da Occitania

Hai libros nos que un avanza na lectura como quen se interna por El Dorado, descubrindo aquí e acolá tesouros de valor incalculable, admirándose dos anos que debeu levar labrar tanta alfaia.

Esa revelación, ese aglaio fulgurante foi o que sentín a medida que abocadaba as páxinas do monumental Os trobadores de Occitania, magna antoloxía da poesía trobadoresca provenzal realizada por Darío Xohán Cabana.

Quen coñeza a traxectoria como tradutor do autor chairego coincidirá comigo en que, quen con tanto acerto foi quen de verter á lingua de noso o divino Dante, o mestre Petrarca ou os poetas do Dolce Stil Nuovo é con certeza un dos máis grandes tradutores galegos da nosa época, probablemente o mellor no creativo dende que don Álvaro —Cunqueiro, xaora— nos deixou, pois o de Roás é tamén en moitos sentidos un seu avantaxado herdeiro literario.

Os trobadores de Occitania é, como dixen, unha moi ampla escolma de trobas provenzais. Mais é moito máis ca iso, pois vai precedida dun extenso estudo introdutorio no que se tracexa unha apertada e asemade exhaustiva síntese da cultura, a lingua e a literatura occitanas dos séculos XI ao XIII, período durante o cal a escrita de Oc foi o abraio de toda Europa, pois nela se cantou a mellor lírica do continente naquela altura.

Preto de duascentas cantigas de case un cento de trobadores, nunha coidadísima edición de traballada escolla ecdótica, con reprodución bilingüe dos textos, que figuran no provenzal orixinario e mais en galego, ofrecéndose neste último ademais unha dupla versión: unha literal para a pura decodificación comprensora e outra finamente elaborada, na que se xogou co metro e as rimas ata lograr no noso idioma unha traslación de grande altura estética.

Por se estes méritos non fosen suficientes, o libro incorpora un capítulo documentalmente moi informado de “Biografías e notas de edición”, onde se dispoñen xenerosas fichas biobibliográficas dos trobadores e dalgúns textos clave da lírica provenzal.

A obra péchase cunha moi completa bibliografía comentada, que inclúe ducias e ducias de entradas de fontes impresas e non poucos rexistros webgráficos, e dous índices finais, un xeral e outro alfabético de trobadores versionados.

Non me cabe dúbida ningunha de que dentro do ámbito peninsular obras como Os trobadores de Occitania son só comparables a outras empresas modélicas como a referencial Los trovadores: historia literaria y textos de Martín de Riquer e, fóra deste, apenas se algún título de François Zufferey (as súas Recherches linguistiques sur les chansonniers provençaux) ou o clásico dicionario de F. J. M. Raynouard (Lexique roman ou dictionnaire de la langue des trobadours) igualan en ambición e alcance á obra do galego.

Sigan a miña recomendación e non deixen de se facer con este excepcional Os trobadores de Occitania, que poden atopar nas súas librerías habituais baixo o selo de Edicións da Curuxa, acaidamente dirixido por Martiño Cabana Otero, ou solicitalo directamente na páxina edicionsdacuruxa.com

E é que cómpre atender os sabios consellos de Guiraut de Bornelh: “Mas a còr afranchar / que s’es tròp enduritz, / non deu òm los oblitz / ni·ls vèlhs fachs remembrar?”, ou na fermosa verba de Darío Xohán Cabana: “Mais pra o cór abrandar, / que se acha endurecido, / non cumprirá o esquecido / bon tempo relembrar?”. Relembremos, pois, os cantos da Occitania.

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 19-6-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.