Deriva castradora

Como xa todos saberedes a estas alturas, acaba de pechar Galicia Hoxe, uníndose así ao infortunado camiño aberto pola edición en papel do semanario A Nosa Terra, o portal Vieiros e mais A Peneira.

Hoxe é un día de loito para as galegas e galegos de seu, para a súa lingua, para a súa escrita. Independentemente da cor política de cada quen, que desaparezan espazos de expresión democrática é sempre un malfado. Que o fagan, amais, en tan notable número e tan breve tempo é sinal de que somos un corpo social enfermo ao que cómpre atenderlle antes de que dea na moribundia.

Aquí non hai pasividades inocentes: quen non auxilia é tan culpable como o que comete o crime. E algún día, cando pasen os anos, algúns serán tristemente recordados polo seu estéril intento dunha nova doma e castración da nosa antiga tribo. E a memoria dos que nos sobrevivirán lembrará con desprezo e noxo a súa ignominia, polos séculos dos séculos, como nós recordamos os que medio milenio antes ca eles tentaron tal.

Hoxe, máis que nunca, un clamor que gabea dende as máis profundas trabes subterráneas das conciencias acúsavos. Porque sabemos o que pretendedes. E non o ides conseguir.

Esta entrada foi publicada en Derivas, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.