Fóra da vida

Miguel Sande, infatigable ideador de textos teatrais, poéticos e narrativos, decidiuse a engrosar a listaxe de títulos de seu neste último xénero coa publicación do longo relato A vida fóra, que xenerosamente recibiu acollida na colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

O que neste texto se nos ofrece é a reprodución do monólogo interior que a anciá María, impedida nunha cadeira de rodas, vai enfiando namentres contempla como diante da fiestra na que pasa o día atusmando uns obreiros constrúen un novo bloque de vivendas que a privará da visión do mar.

Entre pensamentos e desvaríos —pois a cabeciña da anciá xa non rexe como debe— imos sabendo dos fitos básicos da súa vida dende a nenez, pasando pola fugaz felicidade do seu casamento e a complexa e traumática experiencia da Guerra Civil, ata a morte do seu home xa no mesmo presente dende o que esta rememora.

A vida fóra fai por defender en intención o que perde en reiteración, avanza no perfilado do personaxe central o que retrocede no insoportable dos excesos explicativos do narrador e insiste na suxestión simbólica para equilibrar a gratuidade dos aditamentos innecesarios (“Comezo e final”, nomeadamente).

Se é difícil situar o acerto deste libro entre a nómina dos asinados polo autor, ben máis complexa é a determinación da súa valía alén dese marco. Haberá que conformarse con sinalar a súa existencia e seguir observando a oscilación pendular de serie Illa Nova por ver se a próxima abaneada vai da banda de Laíño ou vén do lado de Lestrove.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.