Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Monthly Archives: Setembro 2011
Literatura asturiana
Non é abondosa a literatura en llingua asturiana que tivo a fortuna de ser vertida ao noso idioma. Xustamente por iso, que a poeta e narradora Esther Prieto (Arenas de Cabrales, 1960) vexa o seu Güelo Ismail (Premio Xosefa de Xovellanos) traducido ao galego é unha excelente noticia.
A responsable desta moi oportuna traslación é a filóloga e investigadora Esperanza Mariño Davila, autora tamén do limiar que antecede esta versión galega publicada por Sotelo Blanco Edicións.
Avó Ismail narra a vivencia do conflito palestino a través dos ollos dun avó e o do seu neto. As longas travesías polo deserto, as paupérrimas condicións de residencia nos campos de refuxiados e a dureza con que lle é negada a súa carta de existencia ao estado palestino constitúen o cerne da traxedia que viven os protagonistas.
Entre os acertos de Prieto non é menor a súa habelencia para o retrato tenro e emotivo de situacións e pasaxes, que fan desta obra un intenso alegado a prol da liberdade e a humanidade.
De lectura amena e moi suxestiva trama, Avó Ismail é unha moi recomendable alternativa para achegar o público xuvenil á difícil situación do pobo palestino e, asemade, unha aposta segura para calquera lector ou lectora que ande á procura dunha historia inzada de fondos sentimentos e sensibilidade probada.
Na categoría Crítica literaria, Tradución
Coas etiquetas Avó Ismail, Crítica literaria, Editorial Sotelo Blanco, Esther Prieto, Tradución
Leave a comment
Narrativa ciberpirata
Da man do músico, cineasta e poeta valenciano Maties Segura Rubio e mais do debuxante e deseñador gráfico Abraham Carreiro ve luz Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata.
Sen pretensións nin ínfulas literarias e si ganas de agradar e entreter, Xoeliki, lectura ideal para o alumnado de últimos cursos de Primaria ou primeiriños de Secundaria, arrástranos a unha trepidante aventura protagonizada por un rapazolo de once anos afeccionado aos videoxogos, que se verá impelido a axudar a unha sociedade secreta (a Resistencia Pirata, da que pasará formar parte) para librar o mundo dun ataque aniquilador da Rede por parte de Mr. Virus.
De por parte, o relato de Segura é tamén un auténtico imán de referencias e homenaxes a ben coñecidos filmes, series televisivas e textos de ciencia ficción e non só, de tal xeito que quen atravese polas páxinas deste libro recoñecerá doadamente chiscadelas de ollo a Tron, Harry Potter, Final Fantasy, Código Lyoko, A illa do tesouro e mil e unha outras historias que son aquí convenientemente fagocitadas.
Mais Xoeliki, en consonancia co universo temático no que nos mergulla, non se limita á pura textualidade da escrita, posto que, ademais das magníficas ilustracións de Abraham Carreiro —quen leva a cabo aquí un traballo de suxestión visual máis que notable—, ábrese tamén á posibilidade de interacción a través da Rede, onde conta coa súa propia páxina web, www.xoeliki.com, na que podemos ir descubrindo cada un dos personaxes en fichas personalizadas para tal fin, coñecer como xurdiu a idea e como foi elaborado o libro grazas a entrevistas cos autores e mesmo se nos convida a formar parte dunha Rede Social Tesouros Piratas e participar no seu foro, alén de ofrecer de balde marcapáxinas xoelikianos e fondos de escritorio deseñados por Carreiro.
Ameno, interactivo e de doada e accesible lectura, este Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata de Maties Segura e Abraham Carreiro é un novo acerto de Sotelo Blanco Edicións, quen pon en circulación un produto pensado non tanto para gourmets literarios como para conseguir crear unha base lectora fidelizada nesa banda de idade na que os nosos escolares comezan, tantas veces, a desenvolver alerxias aos aburridísimos libros que algúns docentes lles propoñen. Un texto, por tanto, que pode ser un bo comezo dende o que lograr que as nosas rapazas e rapaces vaian logo dando o salto a obras aínda máis ambiciosas.
Unha novela de accidente
Vía secundaria é o título co que a escritora viguesa An Alfaya obtivo o Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia 2010, publicado a comezos deste verán por Edicións Xerais de Galicia.
A narración, externamente estruturada nos trinta e un capítulos preceptivos do premio, relata a historia dun atropelo nunha vía secundaria (de aí o título, tamén de forte carga simbólica) e a relación —directa ou indirecta— que tres parellas de personaxes gardan co suceso.
No haber da obra cóntanse o oficio co que a autora solapou tempos e acontecementos paralelos nunha alternancia de voces e situacións de difícil engaste, a vontade de recreación do complexo mundo interior dos personaxes coas súas múltiples carencias e incomprensións e a depurada inxeleza coa que a prosa flúe, levando da man o lector duns feitos a outros.
No debe da narración figuran a penosa incorrección lingüística da obra, con numerosísimos castelanismos, empregos errados dos pronomes de complemento directo e indirecto e un uso improcedente da preposición a cos verbos transitivos directos, por amentar só algún dos problemas máis evidentes, imputables non só á autora, senón, sobre todo, aos responsables últimos do problema: os correctores editoriais de Xerais.
Tamén habería que situar na columna do debe as abondosas incoherencias argumentais que por toda a obra inzan e que, incomprensiblemente, deberon de pasar desapercibidas a todos os que leron a obra antes de ser impresa. Sinalo tan só algunhas das máis evidentes:
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual
Coas etiquetas An Alfaya, Crítica literaria, Edicións Xerais, Narrativa galega actual, Vía secundaria
7 Comentarios












