Literatura galega en Italia

Unha boa amiga e estimada colega púxome na pista dunha moi interesante iniciativa da que non quero deixar de dar noticia aquí. Estoume a referir á campaña que a web Insula europea desenvolve na promoción e difusión de textos literarios de todo o continente en Italia.

Dirixida polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni, este espazo virtual creou un repositorio ao que chamou “Vetrina letteraria” no que é posible atopar información cumprida de títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, castelás, inglesas e, tamén si, galegas.

Neste sentido, quen visite o enlace atopará a presenza de obras de noso como Spam de Francisco Castro, Un tipo listo de Xosé Monteagudo, A Veiga é un tempo distinto de Eva Moreda, Pirata de María Reimóndez ou Así nacen as baleas de Anxos Sumai, xunto ás que se ofrece unha sinopse argumental e o contacto cun especialista no autor ou autora do texto.

A idea é que este mostrario sirva como guieiro ás editoras italianas que queiran encontrar títulos de interese para traducir, facilitando, amais, a posibilidade dun tradutor familiarizado coa obra e o seu autor ou autora.

Cómpre, pois, aplaudir a iniciativa do profesor Pulsoni, así como tamén a das persoas que, dende Galicia e outros lugares, fan posible coa súa colaboración neste proxecto que a nosa escrita se divulgue naquelas terras. Agora só queda agardar esperanzados a que este esforzo frutifique e que os títulos amentados —ou outros novos que poidan ir sumándose no futuro ao catálogo— gocen da sorte da tradución. Será a mellor proba da pertinencia dunha iniciativa como a presente.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Literatura galega en Italia

  1. Anllada di:

    Excelente noticia. Grazas por informala.

Os comentarios están pechados.