No día de onte, e convocado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco, tiven a honra de participar como membro do xurado do Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011 xunto aos compañeiros e compañeiras Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Ánxela Gracián e mais Chelo Suárez, esta última en calidade de gañadora da anterior convocatoria do galardón.
Todos eles —xunto ao concelleiro e máis a técnica de Cultura, Alexandre e Marina Aguín— figuran na fotografía que acompaña estas liñas.
Nesta ocasión o xurado decidiu, por unanimidade, outorgar o premio á novela presentada baixo o título Outono aquí, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do narrador, poeta e ensaísta ferrolán Mario Regueira, ben coñecido por títulos anteriores como o libro de relatos Rebelión no inverno (2004), a novela L’affiche rouge (2007) ou os poemarios Tanxerina (2006) e mais Blues da crecente (2009).
En Outono aquí (que estará nas librerías previsiblemente contra finais de ano) Regueira narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si.
O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.
Cómpre, pois, felicitar a Mario Regueira, que une o seu nome aos dunha xa longa listaxe de autores e autoras premiados con anterioridade neste certame, un dos máis prestixiosos do seu xénero en Galicia dende que comezara a convocarse vai para dúas décadas.












Amigo Armando:
Es un exemplo excepcional de amigo e un profesional fóra do normal. Cando folgas? Sopórtate Marifé chegando tarde do Grove e non deixando un minuto para poñerte a traballar de novo?
Espléndida a túa noticia do fallo do Certame do “Lueiro Rey”.
Unha aperta
Manolo
Benquerido Manolo:
Ser amigo de mestres da palabra coma ti non só é ben doado, é unha honra. E si, para grande fortuna miña e castigo da súa infinita paciencia, Marifé leva aturándome xa máis de vinte anos, soportando ausencias de moitos Lueiro Rey e “outras herbas”.
Unha aperta fraterna
Excelente novela coa que Mario Regueira afonda na memoria de todos nós e excelente traballo o de Armando, tanto na fonda lectura do orixinal como na celeridade para dar conta dun día inesquecible na singradura do prestixioso Premio Lueiro Rey que conta cada ano co traballo inestimable dos excelentes críticos que son Requeixo, Martínez Bouzas e Manuel Quitáns e co apoio incondicional do Concello do Grove. O tempo metereolóxico tan outonal desta volta contribuíu tamén a “ambientar” esa excelente novela que é Outono aquí de Mario Regueira.
Amiga Ánxela: un pracer compartir contigo esa aventura, da que es parte esencial.
Apertas moi cordiais.