Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Monthly Archives: Outubro 2011
A narrativa furiosa de Francisco Castro
Rematei as case catrocentas páxinas da intensa In vino veritas, novela asinada polo escritor vigués Francisco Castro que a propia editora, Galaxia, presenta como narración “furiosa” e “aceda”, cualificativos que abofé lle acaen.
Castro enléanos aos poucos nunha historia de procuras e desvelamentos, onde os mundos dos detritus mediáticos e dos excesos sadomasoquistas se desenvolven nun escenario de decorado vitivinícola.
O mellor de In vino veritas é a súa decidida radicación paródica, o contrafactum xenérico que produce, burlándose a cada paso das convencións do subxénero policial, dos seus tópicos e clixés, chegando a crear unha verdadeira ópera bufa narrativa con evidentes chiscadelas de ollo metaliterarias. E tamén o sarcasmo feroz, absolutamente descarnado e mesmo por veces crudel, co que describe a vesania colectiva que sambesuga os cerebros e deixa que os espazos de lixo televisivo acaben lobotomizándonos, así como o retrato da hipocrisía social que nos goberna e a revelación da faciana máis escura, o reverso máis truculento e retorto que aniña en cada un de nós.
Máis opinables resultan os relanzos reiterativos da narración, que por veces volve unha e outra vez sobre os seus pasos argumentais, reincidindo en consideracións ou excursos xa perfectamente expresados na primeira trintena de páxinas (estou a pensar, por exemplo, no redundante recordatorio que cada certas planas presenta o narrador lembrándonos os males endémicos que o refugallo mediático causa na poboación), o que ergue a dúbida sobre a necesidade (isto é, a pertinencia funcional) de ocupar trescentas oitenta páxinas contándonos un relato que podía terse resolvido, sen perda de nada esencial, con ben menos extensión.
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual
Coas etiquetas Crítica literaria, Editorial Galaxia, Francisco Castro, In vino veritas, Narrativa galega actual
Leave a comment
Poemas si e poemas non
O Centenario Cunqueiro segue a regalarnos recuperacións e novas edicións da súa obra. Desta volta foi a poesía do mindoniense a reactualizada, pois a Editorial Galaxia, na súa colección Biblioteca Álvaro Cunqueiro, deu ao prelo Dona do corpo delgado. Herba aquí e acolá. Outros poemas. Poesía 1933-1981, heteroxéneo conxunto no que se compilan os versos do escritor aparecidos entre 1933 e 1981 nunha valiosa edición realizada por Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, autores tamén do amplo estudo introdutorio que acompaña as composicións.
O presente volume amosa, ao meu ver, dous acertos fundamentais e tamén algunhas eivas: dunha parte, fai accesible ao lectorado actual a poesía galega en libro de Cunqueiro que fora publicada na Posguerra e a Transición e, doutra banda, compila un número moi respectable de textos que permanecían espallados pola prensa periódica e que agora poden consultarse por fin por xunto, traballo este que cómpre agradecer —e aplaudir polo laborioso que, seguro, resultou— a Costas e Castro, infatigables pescudadores destes versos en abondosos baleirados hemerográficos.
Agora ben, o positivo da publicación deste libro vese un tanto embazado por motivos atribuíbles a diferentes persoas: por un lado, existen poemas de Cunqueiro escritos entre 1933 e 1981 que non foron recollidos (faltan algúns do caderno Adolescenza no inverno exhumados en anexo na edición facsímile de Galiza, o poema “Ela, que se chamaba Pilar”, tamén da mesma serie, e recuperado no Diario de Ferrol, 28-2-2001…), o que non fai senón confirmar que o traballo de Costas e Castro, aínda que rotundamente sobresaliente, ten, como toda obra humana, marxe de mellora (tamén na indicación das fontes das que se extraeron os textos compilados, que é inexistente e se fai imprescindible nunha obra destas características); por outro lado, tampouco se incluíron aquí os versos non recollidos por Cunqueiro nos seus poemarios e que foron escritos entre 1930 e 1932, que tamén quedaron fóra do libro Poesía 1932-1933 que a editora publicou nesta mesma colección non hai tanto. Daquela, o lector interesado ou o estudoso da poética cunqueiriana seguirán sen ter onde consultar eses poemas, dos que unha ben discutible decisión editorial —que mesmo Costas e Castro desaproban, p. 14— os privou.
Con todo, o balance segue a ser proveitoso e este novo título será, con certeza, máis que interesante para todos os fieis seguidores da poesía de Álvaro Cunqueiro.
[Publicado co título "Acertos e eivas" nos xornais Faro de Vigo, 27-10-2011 e La Opinión, 5-11-2011]
Día de Feira XII
Días atrás, a columna do Día de Feira (que agora agarda por vós cunha nova pregunta) amenceu cunha proposta de enquisa na que vos demandaba: “¿Cres que os actos do Centenario Cunqueiro serviron para divulgar máis e mellor a figura do autor entre o público xeral?”.
Cando ideei a cuestión, no meu ánimo pesaba o feito de que non sabía ata que punto os eventos que se estaban a levar a cabo como recordatorio da figura do mindoniense co gallo da conmemoración do seu centenario conseguían permear, realmente, entre sectores amplos do público xeral.
Como outras veces, os vosos votos confirmaron as miñas sospeitas, pois unicamente un 19% opinades que as iniciativas desenvolvidas fixeron que o autor se coñecese mellor por todos. Pola contra, máis do oitenta por cento restante cre o contrario: un 58% entende que só foron útiles aos xa previamente interesados e un 23% considera que, amais, só lles valeron aos propios participantes como convidados neses eventos.
Vaia por adiante que a consulta tiña un evidente ton (auto)crítico, pois non nego que este ano fun convidado a conferenciar sobre o autor en varias ocasións. Precisamente por iso, porque sei do que falo, cuestiónome a optimización dos recursos.
Entendo que as vosas votacións o que (nos) queren dicir é que está ben que se organicen congresos, mesas redondas e demais sobre o escritor, pero que hai moitas outras iniciativas que non se desenvolveron e que, talvez, terían achegado máis a súa biobibliografía ao común: ¿por que non un documental televisivo de varias entregas que podería ter emitido a TVG?, ¿por que non unha programación teatral do CDG que incluíse algunha das súas pezas?, ¿por que non unhas unidades didácticas para diferentes niveis, algúns trípticos, talvez algún material audivisual ou multimedia que puidesen terse feito chegar aos centros educativos do país?…
Son estas reflexións abertas, dúbidas que me asaltan ás que trato de dar resposta. O voso concurso, máis unha vez, faise necesario.












