Frank Soutelo por terras galegas

Talvez sexa Miguel Anxo Fernández un dos autores que con máis determinación leva cultivado os eidos da novela negra galega nos últimos tempos. A el debemos o nacemento do detective Frank Soutelo, sabuxo radicado nos USA pero de ascendente patrio, con familia paterna en Soutelo de Montes e parentes maternos muradáns.

Este sagaz pescudador é o protagonista de, polo de agora, catro títulos: Un nicho para Marylin (2002), Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008) e o recente Lume de cobiza (2011), ao que dedicarei as liñas que seguen.

Nesta nova aventura Frank Soutelo viaxa a Galicia, onde, cedendo a unha petición da súa prima Sara, filla da para el moi querida avoa Castora, decide investigar a morte do fillo dunha amiga desta súa curmá.

Evitando caer no spoiler, unicamente direi que a trama avanza ganduxando enredos inmobiliarios, asasinatos e incendios provocados, algo que se lle fará evidente a quen lea as primeiras oitenta páxinas da novela, por máis que para os detalles da intriga cumpra pasar polas duascentas restantes, en todo caso preconfiguradas no esencial neses capítulos iniciais.

Na prosa de Fernández e, sobre todo, no perfilado dos seus personaxes principais hai un fondo caracterizador que, aínda remitindo aos lugares comúns do xénero, non deixa de agradar polo intento de galeguizar condutas e procederes que estamos afeitos a ver filtrados a través dunha ollada hollywoodense. Soutelo é un devoto consumidor da nosa gastronomía, escapa para a Terra sempre que pode, merca literatura na lingua de noso, le os nosos xornais, escoita música galega e ve cinema da casa, mesmo se pasea no seu tempo de lecer polas salas do Museo do Pobo Galego.

Poida que haxa quen opine que un personaxe así se fai pouco crible, ata haberá quen ature mal ese costume que ten o narrador protagonista de intervir a cada paso para advertir o lector, mais esas posibles obxeccións non ocultan o feito de ser este Lume de cobiza un relato que deixa no padal o mellor saibo humorístico, entremesturado cunha severa crítica á corrupción empresarial, oculta baixo as faldras da inoperancia política e policial, e un alegado á necesidade de preservación do ecosistema autóctono.

Alén das dubidosas alternancias nos rexistros de lingua, alén das teimudas reiteracións de determinada información, alén da asistemática tradución das insercións de textos noutros idiomas, alén, en fin, de todo aquilo que poida despistar o lector ou lectora da ben trabada corrente principal da acción —e evitarei dicir ren aquí sobre a (in)corrección normativa do volume—, este Lume de cobiza é novela que se le sen dificultade, contemplando como os acontecementos van canxando un tras doutro como se dunha perfecta maquinaria de reloxería se tratase, pois cada peza cumpre co papel preestablecido e axuda ao compasado exacto do conxunto.

Non queda, pois, senón desexarlle longa vida a Frank Soutelo e man certa ao seu creador, Miguel Anxo Fernández, para que sigan enriquecendo coa súa participación este territorio tan esvaradío como fascinante que é o da novela negra en Galicia. Obras como Lume de cobiza son un bo exemplo de que esta escrita está, entre nós, máis viva que nunca.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 9-10-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.