Kiko Neves, on the road

Coñecía o Kiko Neves narrador a través dun seu texto publicado hai dez anos na colección Abismos de Xerais: Un baile de moscas. Daquela lectura ficárame claro que o de Ponteareas era un contador singular, posuidor dunha linguaxe directa e descarnada coa que procuraba defrontar os personaxes coa súa problemática vital ata asedialos no límite, extenuándoos nos derregos do aturable.

Entenderase, logo, que cando souben da publicación da novela O día que morreu Steve Macqueen (editada polo selo A Porta Verde do Sétimo Andar na súa emblemática serie Q de Vian Cadernos) me interesase pola súa lectura, pois era moito o tempo que pasara o autor sen dar ao prelo novos textos narrativos e prestábame saber en que dirección continuara a camiñar a súa prosa.

Pois ben, o que descubrín foi un Kiko Neves que, afincando en apostas xa ensaiadas (ese facelo xirar todo arredor da soidade, a incomunicación e o fracaso dos seus personaxes, esa devoción pola espacializacións tabernarias e os seres e ambientes decadentes), decidiu escribir unha sorte de On the road á galega na que un mozo carteiro, Xabi Ribax, consegue publicar a súa primeira novela e, impelido por unha moderada boa recepción pública da mesma, decide deixar a súa vida de rutina e botarse aos camiños para percorrer Galicia de arriba a abaixo, cruzando mesmo o norte de Portugal ata acabar en terras de Sanabria.

O que acontece entre viaxe e viaxe, entre vila e vila, son os encontros amorosos e sexuais do protagonista entretecidos cunha ambigua relación telefónica que este mantén cunha descoñecida lectora da súa novela.

Quen aposte por internarse na fraga sentimental que O día que morreu Steve Macqueen debuxa descubrirá homenaxes a Nabokov, Ferrín ou John Fante, sen esquecer as chiscadelas cómplices a compañeiros da escrita como, poño por caso, Anxo Angueira ou Igor Lugrís.

Despois, que as reaccións de certos personaxes se fagan máis ou menos cribles, que a esquematización caracterizadora dalgúns os converta en arquetipos previsibles ou que non pareza existir adecuación lóxica interna en non poucas das decisións do propio Ribax son cuestións que, non por máis discutibles, conseguen facer empecer na lectura dunha historia, cómpre recoñecelo, de óptima dixestión, onde a intriga por ver en que dá o absurdo vital do protagonista vai facendo que as páxinas voen unha tras doutra, o que non é mérito menor.

O día que morreu Steve Macqueen (á que lle sobran o capítulo rememorativo infantil co que se inicia, postizo de imposible empaste co resto da trama, que remata tamén cun final trunco un tanto forzado, como quen cansa de escribir) é unha curiosa road story, unha fuxida cara adiante iterativa e aloucada na que as dúbidas formuladas, lonxe de despexarse, acaban por volverse mestos neboeiros dos que o atribulado Ribax malamente se derá librado e, xusto nesa equidistante encrucillada entre o fatum, o azar, a vontade e o absurdo, é onde ancora a imprevisible fascinación dunha historia abondo suxestiva.

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Narrativa galega actual and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

3 Respostas a Kiko Neves, on the road

  1. Juan- Racha di:

    Non deixo de imaxinar que o amigo Kiko e un revolucionario do seu tempo.
    Eu, leendoo na miña incultura, penso que está como unha cabra.
    ¡Pero a ver!, como unha cabra no vo sentido da palabra, ou verba.
    O día que morreu Steve Macqueen, gostoume muito porque non tiña nin puta idea do que iba o conto. Pero agora que léo o que escribiu o suxeito este aquí arriba, estou de acordo con él, ainda que podería estar de acordo con outro calquera, sempre que falara ven dela, por que o Kiko espallase na novela tal como él é.
    Eu coñézoo e sei o que digo, os que non o coñezan que o visiten na sua xestoría e opinen despois, pero cuidado, que o que mostra na novela e como realmente é.

  2. javier di:

    Eu esotu de acordo coa crítica que fai o conde de monte rei , así coma que o coñecer a Kiko un pode ver algunhas similutides co persoaxe , pero penso que está ben escrita con coherencia narrativa o longo de toda a istoría aínda que o final parece que esté rematado un pouco a machada ; pero esta impresión pode vir tamén porque toda a novela ten un ritmo atrainte , ameno e divertído creando unhas situacións aparentemente subrealistas en algo moi creible.
    A mín a novela gustoume moito , e recomendoa
    Un saúdo

  3. atento di:

    kiko neves é, antes de máis, poeta. Ruído de motos, un gran libro. o seu primeiro libro.
    http://www.arrakis.es/~kikoneves/biografia.htm

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>