Día de Feira XII

Días atrás, a columna do Día de Feira (que agora agarda por vós cunha nova pregunta) amenceu cunha proposta de enquisa na que vos demandaba: “¿Cres que os actos do Centenario Cunqueiro serviron para divulgar máis e mellor a figura do autor entre o público xeral?”.

Cando ideei a cuestión, no meu ánimo pesaba o feito de que non sabía ata que punto os eventos que se estaban a levar a cabo como recordatorio da figura do mindoniense co gallo da conmemoración do seu centenario conseguían permear, realmente, entre sectores amplos do público xeral.

Como outras veces, os vosos votos confirmaron as miñas sospeitas, pois unicamente un 19% opinades que as iniciativas desenvolvidas fixeron que o autor se coñecese mellor por todos. Pola contra, máis do oitenta por cento restante cre o contrario: un 58% entende que só foron útiles aos xa previamente interesados e un 23% considera que, amais, só lles valeron aos propios participantes como convidados neses eventos.

Vaia por adiante que a consulta tiña un evidente ton (auto)crítico, pois non nego que este ano fun convidado a conferenciar sobre o autor en varias ocasións. Precisamente por iso, porque sei do que falo, cuestiónome a optimización dos recursos.

Entendo que as vosas votacións o que (nos) queren dicir é que está ben que se organicen congresos, mesas redondas e demais sobre o escritor, pero que hai moitas outras iniciativas que non se desenvolveron e que, talvez, terían achegado máis a súa biobibliografía ao común: ¿por que non un documental televisivo de varias entregas que podería ter emitido a TVG?, ¿por que non unha programación teatral do CDG que incluíse algunha das súas pezas?, ¿por que non unhas unidades didácticas para diferentes niveis, algúns trípticos, talvez algún material audivisual ou multimedia que puidesen terse feito chegar aos centros educativos do país?…

Son estas reflexións abertas, dúbidas que me asaltan ás que trato de dar resposta. O voso concurso, máis unha vez, faise necesario.

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

7 respostas a Día de Feira XII

  1. Marcos Candia Cuba di:

    Bos días a tod@s

    Como mindoniense que son, certo é, vivín e vivo os eventos deste ano “Cunqueirano” máis de preto. Como tal gustaríame comentar:

    Fóra deste fermosa cidade penso que o centenario do gran Cunqueiro non tivo a relevancia que debería. Os actos que se celebran, como acertadamente comentas no post, Armando, non chegan como deberían ao gran público en xeral, que á fin e ao cabo, debe ser o que se acerque máis a Cunqueiro.

    Mesas redondas, charlas, coloquios e demais, baixo o meu punto de vista, non afondaron o suficiente no “galego de a pé”.

    E digo fóra de Mondoñedo porque aquí, na cidade do Masma e das mil primaveras, si tivo un eco máis forte, en parte grazas á colaboracion da Asociación de Comerciantes local, con iniciativas como agasallar aos seus clientes con recordos deste ano 2011 de Cunqueiro, con frases célebres deste.

    Pero Cunqueiro non só era mindoniense, era universal, e o seu traballo debe chegar máis aló e, por suposto, ser recordado.

    Baixo o meu punto de vista, fixo máis un programa de radio como o do pasado sábado 22, “Gente Viajera”, de Onda Cero, que se celebrou dende a cidade de Mondoñedo en recordo do centenario de Cunqueiro. Un programa cunha media de oíntes de máis de 800.000 por fin de semana e de índole nacional.

    Non pretendo, nin moito menos, cuestionar o resto de actividades levadas a cabo, tamén por suposto, considéroas necesarias, pero outras, como a anteriormente comentada ou como a que indicabas no post de programas na TVG sobre a figura de Cunqueiro, penso que terían axudado máis a difundir a imaxe do mesmo e facela máis grande.

    Desde aquí, e aproveitando esta oportunidade, quero comentar tamén que o vindeiro ano 2012 Mondoñedo en particular e Galicia e España en xeral deben estar novamente de celebración para recordar outra figura histórica que deu esta fértil terra mindoniense. Falo de don Manuel Leiras Pulpeiro, xa que no vindeiro ano cumpliranse 100 anos do seu pasamento. Escritor e médico moi admirado nestas terras. El tamén o merece.

    Armando, grazas polo teu traballo a través deste blog e en hora boa por esas preto de 30.000 visitas xa. E grazas por darme a ocasión de participar deste fermoso traballo.

    Apertas

  2. strougswa di:

    Parte da idea de que os eventos fanse como recordatorio, cousa que non é certa. Non se trata de lembrar senón de construír novo discurso.

    • strougswa: 1. Os eventos xorden como recordatorio (pense que a escusa que os fai nacer é un centenario) e revisitación nos que, talvez, con sorte, algúns ben contados, consigan crear un “novo” discurso. 2. Ese suposto “novo” discurso deste tipo de eventos: ¿a quen chega, se o consabido circuíto endogámico de especialistas que o protagoniza non é quen de facelo permear ao resto do público (in)formado? 3. ¿Probou vostede a preguntar a persoas ben (in)formadas pero non necesariamente vencelladas co circuíto literario galego se coñecen tales eventos e, o que aínda é máis importante, se saben das achegas que supoñen eses “novos” discursos?

      É un pracer volvelo ver por esta casa. Un saúdo cordial.

  3. strougswa di:

    mais que ten que ver o coñecemento coa pedagoxía ou coa difusión? Quérese dicir que mellor non facer nada porque imos seguir sen visibilidade?

    • strougswa: quérese dicir que hai que esforzarse para tentar conseguir ambas as dúas cousas a un tempo, porque a min interésame unha literatura viva e debiamos ter a suficiente intelixencia para non deixala morrer reducida a un círculo de druídas filólogos.

  4. Mercedes Queixas Zas di:

    Neste momento, a AELG está a preparar unha unidade didáctica sobre o autor que, en breve, pasará a completar o espazo didáctico virtual (www.aelg.org).
    Por outra banda, concordo plenamente cos resultados da enquisa. Se pretendemos visualizar e por en valor social os nosos clásicos unicamente con eventos académicos dirixidos ás elites sabedoras, mal resultado imos obter.
    Saúdos!
    Mercedes

Os comentarios están pechados.