Poemas si e poemas non

O Centenario Cunqueiro segue a regalarnos recuperacións e novas edicións da súa obra. Desta volta foi a poesía do mindoniense a reactualizada, pois a Editorial Galaxia, na súa colección Biblioteca Álvaro Cunqueiro, deu ao prelo Dona do corpo delgado. Herba aquí e acolá. Outros poemas. Poesía 1933-1981, heteroxéneo conxunto no que se compilan os versos do escritor aparecidos entre 1933 e 1981 nunha valiosa edición realizada por Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, autores tamén do amplo estudo introdutorio que acompaña as composicións.

O presente volume amosa, ao meu ver, dous acertos fundamentais e tamén algunhas eivas: dunha parte, fai accesible ao lectorado actual a poesía galega en libro de Cunqueiro que fora publicada na Posguerra e a Transición e, doutra banda, compila un número moi respectable de textos que permanecían espallados pola prensa periódica e que agora poden consultarse por fin por xunto, traballo este que cómpre agradecer —e aplaudir polo laborioso que, seguro, resultou— a Costas e Castro, infatigables pescudadores destes versos en abondosos baleirados hemerográficos.

Agora ben, o positivo da publicación deste libro vese un tanto embazado por motivos atribuíbles a diferentes persoas: por un lado, existen poemas de Cunqueiro escritos entre 1933 e 1981 que non foron recollidos (faltan algúns do caderno Adolescenza no inverno exhumados en anexo na edición facsímile de Galiza, o poema “Ela, que se chamaba Pilar”, tamén da mesma serie, e recuperado no Diario de Ferrol, 28-2-2001…), o que non fai senón confirmar que o traballo de Costas e Castro, aínda que rotundamente sobresaliente, ten, como toda obra humana, marxe de mellora (tamén na indicación das fontes das que se extraeron os textos compilados, que é inexistente e se fai imprescindible nunha obra destas características); por outro lado, tampouco se incluíron aquí os versos non recollidos por Cunqueiro nos seus poemarios e que foron escritos entre 1930 e 1932, que tamén quedaron fóra do libro Poesía 1932-1933 que a editora publicou nesta mesma colección non hai tanto. Daquela, o lector interesado ou o estudoso da poética cunqueiriana seguirán sen ter onde consultar eses poemas, dos que unha ben discutible decisión editorial —que mesmo Costas e Castro desaproban, p. 14— os privou.

Con todo, o balance segue a ser proveitoso e este novo título será, con certeza, máis que interesante para todos os fieis seguidores da poesía de Álvaro Cunqueiro.

[Publicado co título “Acertos e eivas” nos xornais Faro de Vigo, 27-10-2011 e La Opinión, 5-11-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.