Monthly Archives: Novembro 2011

Antón Riveiro Coello, cruzando o río

Quero hoxe dar conta dunha excelente narración xuvenil da que intúo que non se oirá falar tanto coma doutras de interese parello. ¿Cal é a razón deste feito? Nada que teña que ver coa calidade intrínseca da obra, que está fóra de toda dúbida, e si, moito, coa limitada distribución polas librerías do país deste volume, editado por unha institución, o Centro de Cultura Popular do Limia, que, malia o seu moi meritorio labor, non conta cos posibles promocionais que permiten aos selos comerciais escaparatizar convenientemente os seus produtos.

O libro leva por título O paso do esquecemento e o seu autor é o aplaudido narrador Antón Riveiro Coello. Nel nárrasenos a célebre historia do Lethes, Belión, Limaia, Aeminium ou Oblivionis flumen, isto é, o Río do esquecemento que, para os antigos, non era outro que o Limia das nosas terras suorientais.

A coñecida lenda que outorgaba témeros poderes máxicos ás augas deste río que facían perder o acordo a quen ousase cruzalo parece que estivo a piques de deter o avance conquistador das tropas de Décimo Xunio Bruto, quen no ano 137 a. C. tivo que vencer as reticencias dos seus soldados vadeando el mesmo a corrente e chamando por eles dende a outra beira, demostrando así o calote que fixeran correr entre a soldadesca os celtas autóctonos.

Ese feito histórico sérvelle a Riveiro Coello para artellar un relato de protagonista infantil que, a través dos soños e da conversa cos seus máis vedraios familiares, vai descubrir antigos e inveterados costumes que manteñen viva a maxia do inmemorial río.

Escrito con fondo poder evocador e delicada filigrana emocional, este O paso do esquecemento gaña en sedución visual mercé ás ilustracións de Pilar Sevillano Cuadrado, quen puxo rostros ao vizoso mundo interior do neno protagonista e todos aqueles que o rodean nese seu camiñar polos vieiros do descubrimento da memoria do telúrico, da identificación cun territorio e unha cosmovisión propias.

Insisto: quen teña modo de facerse con el, que non deixe de ler e recomendar ler a rapazolas e rapazolos amigos esta suxestiva historia, mostra acabada da actualidade dos mitos de noso en tempos que tanto os precisan.

[Ilustración interior do libro realizada por Pilar Sevillano]
Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Os ruídos solitarios de Fran Alonso

Fran Alonso leva anos avanzando por un vieiro creativo que o proxecta cara á disolución da narrativa tradicional e que acabará por polarizalo, cada vez máis, arredor doutros espazos mestizos da escrita, hibridación interxenérica que xa se anuncia —e moi visiblemente— nos seus últimos volumes publicados.

Este é o caso de Ninguén, libro de relatos no que o mundo virtual da Internet e, moi especialmente, das redes sociais alimenta unha arañeira textual inzada de hoax ou bulos masivos na que habitan os internautas e, por extensión, os que non o son pero con eles tratan e interactúan.

Por súa vez, Alonso concentra a cada volta a súa direccionalidade temática nun único e omnívoro asunto que imanta calquera outra circunstancia ou motivo: a incomunicación. Unha incomunicación que nace da soidade na que vagan os seus protagonistas urbanitas, condenados ao suplicio de Tántalo: estar rodeados de ducias, de centos de persoas e, porén, continuar nunha transcendente e íntima soidade radical, case que ontolóxica, que os afasta dos outros definitivamente.

O causante deste mal endémico da soidade incomunicada non é outro que o ruído, a perturbación sonora de fondo, mais tamén toda a barafunda que nos envolve, que nos condiciona bloqueando a nosa expresividade potencial, obstaculizando a comunicación efectiva, anulando a conexión interindividual e colectiva.

Diso tratan, en esencia, as dez historias de Ninguén, aínda que, xaora, cada unha delas mudule argumentalmente escenarios diversos, nos que ten cabida tanto o retrato comunitario e psicosocial (como no moi carveriano “Veciños” ou en “O edificio Benestar Social”) coma o territorio simbólico (así no reencarnador “Home Vello e Muller Vella”), a relectura metacrítica (no inxel “Comunidade literaria”), o fantástico puro (caso de “Ninguén”, con recendos dos grandes do xénero), os relatos do obsesivo (igual na vagabundaxe de “Estilo de vida” ca no angustioso “Vacacións” ou o compulsivo “Pola boca morre o peixe”) e, por suposto, os ichós destrutores da identidade que ameazan no ciberespazo (o tópico “Esperando” e o iterativo “Lista de correo”).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Premio García Barros 2011

Este venres, día 25 de novembro, tivo lugar no Teatro Principal da Estrada a entrega do XXIII Premio Manuel García Barros de Novela ao escritor e editor artesanal ribeirán Antonio Piñeiro, quen gañou por unanimidade o galardón coa súa novela As fiandeiras, xa nas librerías da man da Editorial Galaxia.

[José López Campos, Antonio Piñeiro e Víctor Freixanes]

Logo do acto de entrega e os discursos nel pronunciados polo gañador, por Víctor Freixanes en nome da editorial que publica a obra e polo alcalde da vila José López Campos como entidade convocadora (ambos e dous exemplares nunha colaboración que vai camiño do cuarto de século e da que deberían tomar boa nota outras institucións menos comprometidas coa nosa cultura), o condutor do evento, Valentín García Gómez, deu por rematada a cerimonia, que foi amenizada musicalmente por un dúo de alumnas do Conservatorio de Música da Estrada.

Mais o acto literario non se esgotou coa propia entrega, senón que a velada tivo continuidade nunha cea-faladoiro ao que asistiu, amais das autoridades pertinentes, un nutrido grupo de escritoras e escritores galegos, convocados a un parladoiro arredor do suxestivo tema “¿Mito ou literatura?”.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Literatura galega, Varia | Coas etiquetas | 1 Comentario

Poesía bretemeira

Calquera estudo rigoroso que recupere e actualice a figura e a obra de escritores galegos do noso pasado literario debería ser sempre ben recibido. Se, amais, o traballo exhuma textos inéditos ou descoñecidos dun autor, a achega faise dobremente valiosa.

Isto é o que acontece con Bretemada, un poemario escrito polo muxián Gonzalo López Abente entre 1917 e 1922 que, por motivos non sabidos (pois parece que nalgún momento da Posguerra estivo no ánimo do autor publicalo), chegou inédito ata hoxe en forma de mecanoscrito con numerosas correccións manuscritas.

O cento de poemas que compoñen Bretemada figura dividido en seis seccións: “Nemorosa”, “Pastora”, “Guerreira”, “Principesa”, “Escrava” e “Ceiba”. Estes bloques figuran precedidos dun poema de “Adicamento” e un outro feixe de versos en forma de “Introito”. En esencia, este centenar de textos presenta a Bretemada (metonimia de Galicia) na súa loita e arela de Liberdade, na súa reafirmación no pasado histórico e a Tradición, na súa defensa da Lingua propia e os seus sinais de Identidade, amais de demorarse na loa da súa beleza etnopaisaxística.

Competentemente introducido e editado polo poeta e profesor Miro Villar —quen xa se ocupara da biobibliografía do de Muxía na Antoloxía poética que preparara en 1995 para a editorial Espiral Maior—, Bretemada é unha importante contribución ao corpus literario de Preguerra que ve agora luz grazas á cooperación da Fundación Gonzalo López Abente (fundada aínda uns meses) e Alvarellos Editora, quen engade así un título indispensable á súa meritoria colección Rescate.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 24-11-2011]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía galega | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment