Exemplar, por moitos motivos, é o labor que dende hai anos vén levando a cabo a Sociedade Liceo de Noia. Non é posible entender, de xeito cabal, a vida noiesa do último século sen o concurso desta agrupación, que camiña paseniña pero decididamente cara ao seu centenario, erixida en verdadeiro motor da vida cultural e social desta importante vila galega.
Entre os froitos máis louzáns do Liceo préstame destacar aquí o seu voceiro Alameda, revista fundada no ano 2000 que hai pouco chegaba á súa cuadraxésima entrega.
Baixo a coordinación de Cándido M. Prego e cun consello de redacción no que se contan escritores e profesores como Ramón Carredano, Antonia Castro, Fátima Rodríguez, María José Villaverde, Ventura González ou Xosé Moas, presidente tamén do Liceo, Alameda é unha singular publicación na que, alén das esperables colaboracións sobre cuestións da propia sociedade noiesa, tamén se dá cabida a interesantes textos literarios de diverso xorne.
Neste sentido, alén das páxinas dedicadas á creación poética por Alejandro Bralo e Amparo Gutiérrez ou ao andel de novidades bibliográficas de asunto noiés elaborado polo escritor e historiador Xerardo AgraFoxo, este novo número da revista inclúe tamén os dous textos gañadores do VIII Concurso de Contos Liceo de Noia, que nesta ocasión recaeron nos relatos “Naia” de María Xesús Blanco e “Vladimir” de Carlos Mosteiro Fraga.
“Naia” é a historia dun relato dentro doutro relato que nos mergulla nunha trama de (des)amores fatídicos que rematan de xeito tráxico. Un conto neorromántico de ancoraxe psicolóxica no que os personaxes viven perdidos na marusía duns feitos vitais que os superan.
Pola súa banda, “Vladimir” é unha historia de vampiros en clave actual. Un mozo transilvano que logo dunha rocambolesca peripecia acaba chegando a Galicia é o protagonista deste enredo de amores xuvenís no que non falta o humor e as situacións insospeitadas e que se configura como unha verdadeira parodia de xénero.
Cómpre, pois, congratularse pola xa longa andaina de Alameda e o seu decidido apoio á creación literaria na lingua de noso, o que, nunha sociedade que conta con máis de tres mil socios e é unha das máis importantes de Galicia, constitúe con certeza unha importante aposta por esa divulgación e consolidación da nosa escrita entre o público xeral que tanto precisamos.











