Día de Feira XIII

[Camiño de quita e pon. Foto de Marcos Candia]

Nos últimos tempos as nosas editoras aumentaron considerablemente a súa oferta de textos traducidos ao galego. Non cabe dúbida de que tal aposta supón un considerable esforzo de publicación, pois é evidente que o lectorado de Galicia ten no mercado versións da literatura universal a linguas próximas (nomeadamente o castelán, en moitísima menor medida o portugués) que supoñen unha competencia moi forte tanto por tradición (nas persoas as inercias inflúen máis do que sospeitamos e sempre hai quen xustifica ler en castelán por hábito) coma por oferta (as traducións castelás adoitan estar mellor distribuídas e son, en non poucas ocasións, máis baratas).

Daquela, cómpre recoñecer e aplaudir este esforzo do sector editorial por tentar normalizar o eido da tradución en Galicia ofrecendo, na lingua de noso, unha parte máis ou menos representativa dalgúns dos moitos textos interesantes que noutras latitudes foron publicados.

E hai que dicir que a escolla de títulos para trasladar non debe estar sendo moi errada, pois na enquisa que propuxen ao respecto baixo a pregunta “¿Que opinas dos libros que se están traducindo ao galego?” nada menos que un 73% dos votantes respondestes que vos gustaban e que liades esas traducións, o que parece confirmar o bo traballo que as editoras andan a desenvolver neste sentido.

Mais tamén me parece salientable o feito de que un 20% de vós crea que as obras seleccionadas para trasladar ao noso idioma están ben, pero que o problema radica na falla de idoneidade da propia tradución, que non vos acaba de convencer, seguramente porque o/a tradutor/a non realizou acaidamente o seu traballo ou porque entendedes que, entre nós, este eido é aínda deficitario en profesionais cualificados.

Este asunto, lonxe de resultar menor, seméllame sumamente preocupante, porque o desacerto editorial na contratación de persoal tradutor competente pode provocar, como parece, que un número importante de potenciais lectores se perda e que acaben engrosando as filas daqueles que consumen unicamente literatura traducida ao castelán, onde é de supoñer que ese lectorado atopa produtos que considera de maior calidade.

Hai, por último, unha certa porcentaxe de vós —tan só un 7%— que non estades moi interesados no que se anda a traducir por aquí, deduzo que porque non vos sentides atraídos polas obras que se transvasan, o que debería servir de acicate ás editoras para seguir mellorando nas escollas e conseguir que esa porcentaxe diminúa ata practicamente desaparecer.

En resumo: imos, parece, polo bo camiño, mais hai que seguir mellorando e, sobre todo, mirar ben con que bois se ara, porque de nada serve un bo arado se a xugada desmerece.

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.