Día de Feira XIV

[Mareas mortas. Marcos Candia]

Son perfectamente consciente de que a pregunta que desta volta propuxen no Día de Feira (¿Cres que Arcadio López Casanova debería rexeitar o Premio da Cultura Galega?) é, non só problemática, senón que pode chegar a erguer máis dunha suspicacia.

Para evitar estas últimas aclararei que teño na máis alta consideración a traxectoria autorial do poeta do Páramo e que, profesionalmente, esta miña máis que positiva valoración foi referendada mesmo en traballos comúns, pois tiven a fortuna —e a honra— de prologar algún dos seus libros. E escribo isto para desfacer calquera lectura avesa que pretenda ver na formulación da miña pregunta un xeito sutil de deslucir o aplauso pechado que sempre me mereceron tanto a poesía coma o ensaio deste autor.

Por tanto, se convidei a responder a cuestión foi porque entendín que esa polémica xa circulaba (e coido que circula) pola Rede e noutros medios, así que o único que quixen foi pulsar a vosa opinión sobre do particular.

Pois ben, nesta ocasión o resultado das vosa votacións foi un dos máis igualados de todos os Días de Feira. Un 63% pensades que procede que López Casanova rexeite o premio e un 37%, pola contra, coida que debe aceptalo.

Entendo que os que opinades que o poeta debe aceptar o galardón estimades que, por riba de cuestións sociopolíticas contextuais, o que se distingue é a excelencia literaria dun autor e que ese recoñecemento non debería de verse cuestionado a través da polémica da concesión, que, segundo os que así pensades, contribúe a subnormalizar a nosa cultura, que ten de superar as tendenciosidades extraliterarias que o caso aviva, amosándose así verdadeiramente culta, democrática e respectuosa coas institucións, á marxe de quen as ocupa temporalmente.

Da súa parte, os que considerades que López Casanova debe refugar o premio intúo que opinades que, déase a quen se lle dea (porque sospeito que non discutides os méritos como autor do lucense), tal e como é concibido este premio na actualidade, non é senón unha mostra máis dese espírito regresivo e de destrución sistemática dos nosos sinais identitarios promovido por quen concede a distinción, que —sempre interpretando o voso parecer— rebaixa a carga simbólica e práctica dun premio que naceu como nacional e desactiva o recoñecemento económico do mesmo para convertelo nunha gala de mascarada da cultura galega desemantizada que, á mantenta, os responsables públicos están a fomentar.

O debate queda aberto a partir de agora. Agardo os vosos comentarios baixo estas liñas, se é que coidades que o tema o merece.

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.