Literatura ghazafella con banda sonora

Co evocador título A caza do ghazafello, Denis M. e Marcos Paino unen os seus talentos de escritor e letrista e mais de músico para ofrecer un suxestivo libro-disco pensado para os novos da casa.

En edición coidadosamente ilustrada por Sara López e con xenuíno prólogo de Xurxo Souto, este volume descóbrenos un entretido relato de aventuras onde un pequeno de doce anos, Lois, acabará por internarse nunha outra dimensión que o leva polo máxico mundo da Fraga, inzando de seres extraordinarios e tamén de perigos témeros.

Dende o literario, a historia debe moito aos clásicos do xénero marabilloso (Carroll, Lewis, por exemplo), mais tamén a outros referentes ben próximos para as nosas letras (poño por caso, Fernández Flórez) e incluso abondo bestsellerizados (Rowling & Co.). Non pode dicirse, xa que logo, que a orixinalidade sexa o forte destas páxinas, que, porén, gañan en humor e lexibilidade o que perden en previsibilidade.

Engastadas na propia trama literaria e amosando un atractivo musical innegable, as cancións que acompañan a novela son, ao meu ver, o verdadeiro prato forte do conxunto. Sete temas moi ben harmonizados, cunha variedade de rexistros e estilos que moito se agradece, pois confire grande amenidade ao conxunto que se deixa oír con sumo pracer.

Esta feliz banda sonora é posible grazas aos oficios da Orquestra das Ánimas, que interpretou a música dos diferentes temas, mais tamén aos vocalistas convidados para a ocasión, que deixaron a súa creativa pegada nestas cancións entre as que, con permiso de Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, García MC, Ico, Manolo Maseda, Coraile Yap Chine, Cata Prado, Teruca e o amentado Xurxo Souto, eu destacaría o redondo “Palleiro, can sensacional” ao que puxo voz Antón Reixa.

Parabéns merecidos, por tanto, para Denis Mutante e Marcos Paino, así como para todas e todos os músicos, cantantes e demais que fixeron posible este A caza do ghazafello, unha proposta literario-musical de gozo seguro tanto para júniors coma para séniors.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Literatura ghazafella con banda sonora

  1. paideleo di:

    Haberá que tomar nota.

Os comentarios están pechados.