Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Monthly Archives: Decembro 2011
Farsa odiseica
Da man de Ana Pontón e Lino Braxe chéganos Ulises, divertidísima adaptación teatral da homérica A Odisea que ve luz na coñecida colección Punto de Encontro de Everest Galicia con ilustracións de Xosé Cobas.
Ulises é un festival humorístico en dous actos precedidos dun preludio, intermediados por un interludio e rematados cun apuntamento de proscenio imaxinario. No seu seo, un mangado de diálogos ocorrentes e hilarantes que conseguen abeirar os heroes do mito grego humanizándoos, facéndoos próximos ao espectador actual, mesmo xogando deliberadamente cos anacronismos para achegalos aos nosos días.
Destarte, Ulises énos presentado como un botaporela abondo fato e, no fondo, sortudo; Penélope é unha indecisa miñaxoia que abanea perigosamente na liña divisoria entre a bondade ética e a parvicie inxenua; os pretendentes ao trono de Ítaca en ausencia de Ulises son tres desastres: un vello ricacho que moito recorda os anciáns namoradeiros de Castelao, un toliño que non fai senón dicir barrabasadas e un hippy fumetas insoportablemente naïf.
A amálgama dialéctica que abrolla desta fauna ben pode sospeitarse. Iso si, Pontón e Braxe respectan o desenvolvemento e resolución da trama orixinais, se ben coloran irrisoriamente as aventuras e encontros do heroe (cunhas sereas peixeiras, unha Nausica antolladiza, un Polifemo metido ao negocio da óptica ou unha Circe de falar churrigueresco e proceder ben peliculeiro) ou cargan as tintas na espera estupidizada dunha Penélope aburada.
Este feliz esperpento acaba converténdose nunha faiscante caricatura do texto homérico, unha revisión paródica e carnavalesca que nos convida a revisitar o vello mito con novos ollos, vulgarizando condutas e pensamentos ata facelos pedestremente actuais e, polo mesmo, ben máis reais que os momificados arquetipos do modelo heleno.
Farsa moi amena que arrincará sorrisos a quen lle conceda o favor da lectura e peza ideal para adaptacións de grupos teatrais amateurs ou escolares, que asegurarán coa súa posta en escena unha oferta benhumorada e luminosa que, seguro, será recibida polo público cos brazos abertos en tempos de tanto gris.
Na categoría Crítica literaria, Teatro galego actual
Coas etiquetas Ana Pontón, Crítica literaria, Editorial Everest Galicia, Lino Braxe, Teatro galego actual, Ulises
Leave a comment
Día de Feira XVI
[Luz que se apaga. Praia do Altar, Barreiros. Foto Marcos Candia]
Hai tres semanas propuxen no ‘Día de Feira’ unha pregunta: Que a RAG designe polo mes de xuño o autor/a ao que se dedicará o seguinte Día das Letras Galegas, ¿cres que fai diminuír a atención prestada ao autor/a do ano en curso no resto da anualidade? Partía eu da sospeita de que o anuncio temperán da nova ou novo homenaxeado restaban atención á autora ou autor do ano en curso, á vista do que leva ocorrendo nos últimos tempos. Pois ben, está claro que esa miña dedución é secundada en parte si e en parte non.
Algo máis do sesenta por cento (o 61% exactamente) opinades que, efectivamente, o feito de que cada mes de xuño se anuncie a vindeira ou vindeiro homenaxeado no ‘Día das Letras Galegas’ faille fraco favor ao protagonismo da autora ou autor distinguido no ano en curso. E probablemente os que así pensades tivestes na mente acontecementos tan notorios como o aínda recente Congreso Lois Pereiro, que foi cualificado por algúns, non casualmente, como ‘congreso secreto’, secuestradamente arrombado como estivo na súa publicitación institucional, clandestinamente esquecido da visibilización que merecían unhas xornadas dedicadas a quen era, enténdese, o autor do ano.
Mais case un corenta por cento de vós (o 39% para máis precisión) coida que ese anuncio estival da nova ou novo homenaxeado en absoluto estorba a celebración en curso. Neste sentido, debo aclarar que consultei algún amigo académico e que me confirmaron que é preceptivo que, na primeira reunión plenaria posterior ao 17 de maio, a RAG nomee a nova ou novo homenaxeado. Por tanto, na súa actuación a Academia non fai senón cumprir coas regras estatutarias. O que non impide, engado eu, que esa norma se cambie se o conxunto dos membros chega a estimar que un desprazamento temporal na designación axudaría a optimizar o sentido da celebración.
Independentemente de que sexamos dun ou doutro parecer, o que é innegable é que dende o momento no que se soubo que o vindeiro ‘Día das Letras Galegas’ ía ser para Valentín Paz Andrade os medios de comunicación de masas —e, tamén si, as editoras e demais— puxeron a funcionar as súas maquinarias e comezaron a, imos deixalo en ‘repartir’ a súa atención, con este novo e importante nome da nosa literatura. Se a iso lle sumamos a coincidencia efemerística (pénsese no Ano Cunqueiro), que nunca se sabe cando vai cadrar (e lémbrese que o próximo é o Ano Celso Emilio), penso que se comprende ben como é que un creador da altura de Lois Pereiro foi perdendo gas massmediático, analítico e lector a partir de mediados de ano.
Insisto: o debate está aberto e a RAG debería considerar os pros e os contras da data na que revela as e os designados co ‘Día das Letras Galegas’. Todos desexamos que o barco desta celebración navegue esplendoroso, mais para iso convén non erguer brétemas innecesarias dende Terra.
Caderno da Costa da Morte
No Livro do desassosego, Bernardo Soares, o heterónimo de Pessoa a el unido coma se fosen bivitelinos, aseguraba: “É em nós que as paisagens têm paisagem. Por isso, se as imagino, as crio; se as crio, são; se são, vejo-as como às outras. Para quê viajar? Em Madrid, em Berlim, na Pérsia, na China, nos Pólos ambos, onde estaria eu senão em mim mesmo, e no tipo e género das minhas sensações? A vida é o que fazemos dela. As viagens são os viajantes. O que vemos, não é o que vemos, senão o que somos”.
A parte final deste fragmento sérvelle a Luís Rei Núñez como cabezaleiro a Cita en Fisterra, o volume narrativo co que regresa á actualidade literaria para nos convidar a unha singular e irrepetible viaxe polas terras do que el prefire denominar a Costa da Morte do Sol, esa xeografía característica na que se dan a man o ríspeto das mareas vivas e os cantís esgrevios coa ánima espiral dunhas xentes de xenuína etioloxía.
Cita en Fisterra non é unha novela. Tampouco unha guía de viaxes. É o resultante da feliz conxunción dunha exploración en sete xornadas ás que se ameceu a memoria toda dun pobo, coas súas cicatrices e as súas antigas ledicias que se entremesturan con episodios ficcionados, conversas reconstruídas e vivencias e reflexións nacidas da observación empírica de lugares e circunstancias.
Deste sabedeiro amoado, sabia e artesanalmente enfornado pola estilística maxistral do autor, van recendendo as prosas doces destas páxinas, polas que sabemos do hoxe e o onte dun mundo escindido entre a vertixe da globalización planetaria e o recuncar das tradicións inveteradas.
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual
Coas etiquetas Cita en Fisterra, Crítica literaria, Edición Xerais, Luís Rei Núñez, Narrativa galega actual
Leave a comment
No centenario de Cunqueiro (e III)
Con esta terza entrega dou remate á serie de colaboracións coas que quixen rendir particular homenaxe a don Álvaro Cunqueiro por mor do seu centenario. Desta volta deixo os enlaces a dúas achegas videográficas.
O primeiro dos vídeos forma parte dunha serie de cinco capítulos que, baixo o título xeral de ‘Cunqueiro os días do fabulador’, dirixiu hai agora vinte anos o escritor e xornalista lucense Miguel Anxo Murado.
Por aquel tempo andaba eu investigando a hemerografía primeira de Cunqueiro e, con tal motivo, Murado convidárame xentilmente a participar na serie para falar da presenza do autor na prensa mindoniense. Corría o ano 1991 e servidor contaba 19 anos.
‘Cunqueiro os días do fabulador’ foi reposta ao longo dos pasados días pola TVG coincidindo coa efeméride natalicia do escritor. Deixo aquí o enlace ao capítulo no que tiven a fortuna de intervir (concretamente entre os minutos 2’25 e 3’45).
O segundo dos vídeos recupera unha emisión do magnífico programa Zig Zag presentado por María Solar, en concreto a correspondente ao pasado 22 de decembro, data do centenario do escritor. O programa dese día estivo dedicado, monograficamente, ao autor do Merlín e familia e nel tiven a honra de guiar un roteiro polos máis emblemáticos lugares mindonienses na vida e na obra de Cunqueiro que pode verse aquí (minutos 2’00 a 4,25).












