Se tivese que definir cun par de palabras a actitude autorial do cerdedense Calros Solla nun dubidaría nin un intre: laboriosidade e independencia. Velaí, ao meu ver, os trazos que caracterizan este singular poeta, etnógrafo e profesor, que leva anos entregado a unha tan heroica coma complexa tarefa: soerguer do (semi)esquecemento a riqueza etnográfica que a súa vila natal, o Cerdedo da Terra de Montes, atesoura dende tempos inmemoriais.
Entre o moi variado e valioso patrimonio que aqueles lugares ofrecen talvez unha das xoias da coroa sexa a moi antiga e vizosa fala dos canteiros, o verbo xido, idioma secreto a través do cal os traballadores da pedra deste concello e espazos limítrofes levan comunicándose dende hai séculos, labrando devagar unha sorte de código sincrético con achegas de diversas linguas que lles serve como xerga gremial perfectamente hermética para os non iniciados.
A este xenuíno e inimitable vehículo lingüístico vén consagrando boa parte dos seus esforzos Solla nos últimos anos. Froito desta intensa e sistemática dedicación é a excelente monografía O vervo xido. Verbo xulicado de arghinas de Carouvo ou, o que é mesmo, O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo.
O libro de Solla preséntase como un exhaustivo prontuario lexicográfico e gramatical deste latín dos canteiros, que incorpora un amplo glosario bilingüe vervo-ghallufo de máis de dous mil termos no que, con evidente afán didáctico, se incluíron tamén algúns moi útiles mapas léxicos para os que se empregaron acaídas ilustracións.
O resultado constitúe o máis completo dicionario de arghinas publicado ata o de agora, que foi, amais, enriquecido con numerosas indicacións de tipo etimolóxico, fonolóxico, semántico e morfosintáctico, amais de cun ben interesante capítulo paremiolóxico no que se dá razón dalgúns dos principais xiros, locucións e frases feitas en vervo.
Como remate, a obra incorpora tres apéndices literarios: un “Canturreiro de arghinas” ou “Cantigueiro dos canteiros”, no que se reproducen diversas coplas galegas que teñen como protagonistas estes traballadores da pedra; unha outra selecta de “Canturras en vervo” ou “Cantigas no vervo”, onde se compilan algúns textos da tradición oral desta fala e, finalmente, unhas “Cúvicas ghoreas en vervo” ou “Célebres estrofas no vervo”, entre as que se conta un coñecido poema de Celso Emilio e mais unha escolma de versos dos nosos tres grandes poetas clásicos do XIX traducidos a esta xerga polo propio Solla e tomados directamente do seu libro Cerdedo in the Voyager I (2004), onde apareceron por vez primeira.
A papilosada ou bibliografía final coa que se pecha a monografía lista máis dunha trintena de traballos sobre o tema, que van dende as primeiras achegas de comezos do século XIX ata as últimas análises académicas dos profesores Antón Santamarina ou Carme Hermida Gulías e, como non, do propio Solla en títulos como Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo (2002), dun dos capítulos do cal se nutre, en non pequena medida, a obra presente.
Ameno, rigoroso e moi documentado, este O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo de Calros Solla é un salientable estudo que non debería pasar desapercibido a lingüistas e estudosos da nosa etnografía, nin tampouco a todas e todos aqueles que gusten de saber máis e mellor do noso patrimonio verbal e comunitario, que é quen de expresar con innegable beleza versos pondaliáns tan coñecidos como os do himno neste sonoro vervo co que termino:
Que ghalrúan xiriadores en rula verduvoria, a nende xido usca de cutufa valtra de nusca? Que ghalrúan fustes de aghirra de ghavia raula xalagheta con de soi a vervo xiria?[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 4-12-2011]












Son da aldea do Solla e quero dicir que é un orgullo que se teña ocupado e que se siga ocupando das nosas cousas a pesar da cacicada de Montes que son uns choscos e uns desagradecidos.
De Carlos Solla apréndese a facer país reivindicando a singularidade da súa aldea. Xa virán os recoñecementos.