Día de Feira XV

Hai dúas semanas quixen pulsar a vosa opinión sobre un asunto que me parecía de non pouco interese: ¿que territorio mediático ten, hoxe por hoxe, máis peso na difusión da nosa literatura: as páxinas culturais dos xornais e das revistas ou as redes sociais, webs e blogs literarios?

Pois ben, semana e media máis tarde, o suplemento “Babelia” do xornal El País publicaba un monográfico que titulaba “La crítica literaria contra las cuerdas” no que, entre outras cuestións, se lles preguntaba a unha morea de colegas de diversos medios por temas como se o avance dos medios en Internet está provocando un cambio na crítica e no papel dos suplementos periodísticos e das revistas literarias; se debe ser este ou estoutro o rol de revistas e suplementos respecto dos espazos da Rede e mesmo se a crítica ten que ser dunha determinada maneira nun mundo como o de Internet, onde tanto se pode informar como desinformar.

Fica demostrado, pois, que a atención que pensei que era bo prestarlle a este tema é algo que tamén outros senten, así que supoño que iso explica a vosa sempre xenerosa participación na enquisa, que desvelou un resultado moi clarificador: practicamente tres de cada catro de vós (para ser exactos o 74%) cre que, nestes momentos, as redes sociais, webs e blogs literarios son máis decisivos á hora de dar a coñecer e valorar a nosa escrita que os suplementos dos xornais e as páxinas das revistas culturais e/ou especializadas, que só para un 26% son a primeira opción para informarse.

Como persoa que se manexa nos dous espazos, quero pensar que ambos cumpren unha función, mais non nego —todo o contrario, estou convencido de que así é— que a importancia das plataformas on line medra día a día e vai, paseniñamente, desprazando do centro de poder mediático as vellas publicacións periodísticas e revisteirís. Este fenómeno é especialmente notorio entre as novas promocións de lectores, alfabetizados xa dixitalmente, nos que o hábito da lectura do xornal en papel ou da revista literaria ten desaparecido practicamente.

Así as cousas, concordo con algúns dos opinadores do especial de “Babelia” cando, como Gustavo Guerrero (profesor da Universidade de Cergy-Pontoise e conselleiro literario de Gallimard en España), afirman que “a recomposición da paisaxe mediática e tecnolóxica á que estamos asistindo quizabes abra algunhas portas. Se a crítica quere recobrar polo menos unha parte da súa influencia social vai ter que entrar nunha dinámica multimedia, porque o impacto do escrito foise debilitando e ten un alcance cada vez máis limitado, sobre todo ante as posibilidades que ofrecen os medios audiovisuais e Internet”.

Agora ben, no que coinciden moitos (poño por caso, Juan Antonio Masoliver Ródenas, creador e tamén crítico do “Culturas” de La Vanguardia; José María Pozuelo Yvancos, crítico do “ABC Cultural” do ABC ou Claire Armitstead, directora literaria de The Guardian, entre outros) é en que “hai blogs e revistas dixitais excelentes que compensan a escaseza de revistas impresas. Pero nada impide a improvisación, o amateurismo, o narcisismo e confundir criticar con destruír. Hai moito camiño por percorrer e de momento aínda vivimos no caos”.

O camiño, por tanto, estamos a andalo entre todos. Fica por saber que direccións ir tomando ante as encrucilladas que nos saen ao paso. Mais ese é escolio que deberemos ir salvando entre o lectorado e os mediadores, pois só nesa sinerxía hai futuro para a literatura. ¿É ou non?

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.