Na cerna editora

Dende hai uns meses, e para fortuna de todas e todos, un selo histórico como Edicións do Cerne volve a facer uso do prelo.

Fundada hai agora máis de trinta anos —en 1979, para ser máis exactos— a vella Do Cerne, capitaneada no seu día polo benemérito Luís Mariño, vive agora unha nova xeira da man do libreiro compostelán Xesús Couceiro, integrante tamén do equipo fundador.

Nestes meses pasados cobraron nova vida da man de Do Cerne La cocina práctica de Picadillo, La casa de la Troya de Pérez Lugín e outra ducia de títulos facsimilados entre os que salientan títulos de Neira de Mosquera, Murguía ou Vaamonde Lores, entre outros.

A última das singulares recuperacións desta casa editorial é o Refraneiro galego que o escritor e profesor Álvaro de las Casas dera a coñecer en 1933. Un opúsculo en dezaseisavo que vira luz no seo daquel memorable grupo de formación coñecido como Ultreya e que fora imprentado no seu día nos tórculos santiagueses de Nós pola man sabia e xenerosa de Ánxel Casal.

En esencia, este Refraneiro galego é o que anuncia; isto é, unha colección de refráns, distribuídos por meses do ano, precedida dun sucinto prefacio que De las Casas dirixe aos labregos exhortándoos a que teñan amor propio e defendan a súa lingua e cultura.

Oportunísimo rescate, por tanto, esta reedición do Refraneiro galego de Álvaro de las Casas, de quen xa se recuperaran non hai tanto outros importantes traballos sobre etnografía e literatura galega de tradición oral, pero que aínda agarda pola actualización e análise fonda de moitos aspectos da súa vida e obra, agora, grazas ao meritorio traballo de Edicións do Cerne, algo menos descoñecidas.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura galega de tradición oral e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.