Primaveras a Cunqueiro

Teño para min que unha das máis duradoiras publicacións deste Ano Cunqueiro que xa nos abandona (e que remata simbolicamente este xoves, cando se cumpren, xustamente, os cen anos do nacemento do escritor) ha ser haberá Primavera. catorce poemas. catorce cancións, libro-disco que debemos á voz (no dobre sentido) sempre singular de César Morán Fraga, estudoso da obra do xenial mindoniense dende a primeira hora e musicador exquisito dos seus versos.

O que haberá Primavera ofrece é un volume no que, tras un breve prólogo do ensaísta-cantautor, se reproducen os poemas-letras dos catorce temas cunqueirianos que este interpreta, acompañados asemade dun texto breve explicativo para cada cántiga.

Completando o conxunto dous cds: un recolle as cancións, todas elas poemas musicados de Cunqueiro, agás a primeira delas, escrita polo propio Morán e centrada tamén no mundo creativo do autor de Merlín e familia; o outro cd reproduce integramente a entrevista que o cantante e analista mantivo co de Mondoñedo por volta dos primeiros de 1981, pouco máis dun mes antes do seu pasamento, unha longa conversa de case unha hora de duración onde se repasan decisivos socalcos da biobibliografía do escritor.

Éme difícil calibrar a excelencia de haberá Primavera, pois seméllame ousado pronunciarme de xeito categórico sobre o (des)acerto musical de Morán. Direi, iso si, que a min me entusiasmaron as versións deste e que considero un mérito ter sido valente na escolla dos textos de partida, que non se conformaron con adaptar a escrita trobadoresca do mindoniense, tan harmónica ela xa en por si, apostando por cantar non poucos poemas de Herba aquí ou acolá que, entendo, houberon resultar ben complexos para arranxar musicalmente, o que é todo un desafío.

Para esta empresa Morán axudouse dun importante elenco de músicos, mais non esqueceu tampouco as voces, polo que para algún dos temas interpretados pediu a axuda de nomes consagrados como o da cantante Uxía, quen rubrica unha deliciosa versión dos poemas “Cinco fiestras colgadas” e “Pero Meogo no verde prado” xunto ao cantautor de orixe berciana.

haberá Primavera, publicado pola Editorial Galaxia con debuxos de Luís Seoane e profusión de tintas e fotografías que fan moi agradable a lectura, é o mellor dos regalos posibles que un amante da literatura de Cunqueiro pode pedir para este nadal. Dío alguén que anda a escribir estas liñas deixándose envisar pola melancolía infinita que zumegan os versos de “Pau Casals en Prada” nas azas galaxes de Morán, que aquí deixo para os máis melómanos.

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 18-12-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega, Varia e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Primaveras a Cunqueiro

  1. cesarmoran di:

    Obrigadísimo, Armando, por esa crítica do meu libro-disco! Sei que está feita desde a delectación, desde a emoción lírica e tamén si desde a sabencia máis fonda. O que podo engadir é que o meu traballo tampouco sería posíbel sen toda a paixón acumulada ao longo dos anos. Este incríbel Cunqueiro que a tantos nos une merece todo e muito máis. Unha aperta e até non tardar.

Os comentarios están pechados.