Quilométrica do (des)amor

Ás caladas, sen se mexer moito nin armar boureo, Alberte Momán vai consolidando unha traxectoria singular no actual panorama literario galego. Narrador (O lobo da xente, 2003) e, sobre todo, poeta (O alento da musa, 2007; Baile Àtha Cliath, 2008; Erótica, 2008; Ferrol e o que queda por chover, 2008; A crise irredutible, 2009; Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s, 2010), este ferrolán de nacenza e lugués de adopción acaba de publicar Os quilómetros que percorremos dende aquela, longo poemario que se insire na colección Letra inversa da Editorial Toxosoutos e que constitúe un complexo tratado sociolóxico en verso.

Os tres bloques de sentido ao redor dos cales xira o tecido poemático da obra preséntannos universos relacionais definidos pola súa problematicidade. Son, estes, mundos do amatorio onde a ausencia, a soidade e o silencio pairan derredor e teñen de ser esconxurados pola brasas de Eros. Hai, pois, un latexar de amor-odio viscerais que some os protagonistas nunha vivencia agónica e enfermizamente dependente.

Agora ben, non sempre Amor é neste libro un deus castigador. Tamén hai relanzos para a admiración sensual, a correspondencia anímica, o proxecto compartido.

Mesmo poden descubrirse oasis nos que o amatorio pasa puntualmente a segundo plano e a afirmación social ou a descrición do cotián gañan forza por momentos.

Mais o que fai xenuína a escrita de Momán é esa súa estilística na que os textos grelan multiformes, a un tempo unitarios e diversos, compartindo idéntica retórica e selección léxica, equivalente metafórica, pero concretándose ora en haikus ora en poemas en prosa ora en poesías breves ora en longos poemas de tiradas en seccións.

Amor e as súas caras, as erosións e miserias do día a día nas relacións, o inextricable da circunstancia que tantas veces nos circunda e determina, sobre todo iso e máis poetiza Alberte Momán neste seu Os quilómetros que percorremos dende aquela, libro de versos contundentes como mazas, rotundos nas referencias que se abren a inferencias pragmáticas múltiples sempre suxestivas.

Unha lectura recomendable dun poeta en progreso. Versos para a consciencia da distancia quilométrica á que, por veces, nos empurra o (des)amor.

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Poesía galega actual and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

Unha Resposta a Quilométrica do (des)amor

  1. A LIBREIRA quere convidarvos ao seu
    VERMÚ LiTeRariO
    Sábado 11 febreiro 2012:
    Encontro con Alberte Momán, que presentará o seu poemario:
    Os quilómetros que percorremos dende aquela
    editado por TOXOS OUTOS  
    Será a partir das 13:30. Falaremos de literatura, arte e o que nos pete a carón dos libros e mollando a palleta.

    CONTRA A CRISE DE CADA DÍA:
    VERMÚ E POESÍA!!
    Se non coñecedes o espazo, podedes guiarvos aquí:
    http://www.google.es/search?q=a+libreira&btnG=Buscar&hl=gl&source=hp&gbv=2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>