Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores

Onte ao mediodía, a cidade da Paula volveu cobrar merecido protagonismo na axenda literaria galega deste ano que remata. No salón nobre do Concello de Mondoñedo, tivo lugar a cerimonia de entrega do XII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado pola corporación desta cidade e patrocinado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.

[Elías Portela e mais Xurxo Martínez González]

Convocados polas entidades organizadoras, na mesa da presidencia déronse cita para a entrega de premios e saudar e mais glosar a obra dos galardoados o periodista Juan Ramón Díaz, fillo do autor que dá nome ao certame, o historiador e expresidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, o alcalde de Mondoñedo Orlando González, o vicepresidente da Deputación de Lugo Antón Veiga e un servidor.

Desta volta o número e nivel dos participantes foi sobresaliente, o que pode moi ben deducirse do nome e traxectoria dos poetas distinguidos: o primeiro premio foi parar ás mans do vigués Xurxo Martínez González, ben coñecido como ensaísta e autor recentemente dunha monografía sobre Luís Soto que aquí comentei; o segundo premio foi para Elías Portela Fernández, poeta galego-islandés de quen chegou estes tempada ás librerías o seu novo libro O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido; finalmente, o terceiro premio recoñeceu a escrita do moañés Xosé Daniel Costa Currás, hai uns días distinguido tamén co Premio de Poesía Novacaixagalicia pola súa obra Monicreques.

Os que tiveron a fortuna de asistir ao evento puideron gozar dos versos neoexistencialistas e reflexivos do “Nocturno de Mondoñedo” de Martínez González, enraizados no maxisterio pimenteliano e ferriniano, entre outras herbas recedentes. Tamén si, xaora, coa poética simbólica e hímnica, de iniciática revelación, que codifica Portela en “Lingua de Lais. Nas chagas do vento” e mais coa creación granítica e atlantista que desprega Costas en “Toda a illa era un enorme penedo atlántico”.

Outro día grande para a nación literaria mindoniense, que suma á súa secular historia o nome de tres poetas de relevo que vencellan os seus pasos aos da referencial figura de Xosé Díaz Jácome, homenaxeado a través dun premio plenamente consolidado e prestixiado entre as letras de noso.

 

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.