Caderno da Costa da Morte

No Livro do desassosego, Bernardo Soares, o heterónimo de Pessoa a el unido coma se fosen bivitelinos, aseguraba: “É em nós que as paisagens têm paisagem. Por isso, se as imagino, as crio; se as crio, são; se são, vejo-as como às outras. Para quê viajar? Em Madrid, em Berlim, na Pérsia, na China, nos Pólos ambos, onde estaria eu senão em mim mesmo, e no tipo e género das minhas sensações? A vida é o que fazemos dela. As viagens são os viajantes. O que vemos, não é o que vemos, senão o que somos”.

A parte final deste fragmento sérvelle a Luís Rei Núñez como cabezaleiro a Cita en Fisterra, o volume narrativo co que regresa á actualidade literaria para nos convidar a unha singular e irrepetible viaxe polas terras do que el prefire denominar a Costa da Morte do Sol, esa xeografía característica na que se dan a man o ríspeto das mareas vivas e os cantís esgrevios coa ánima espiral dunhas xentes de xenuína etioloxía.

Cita en Fisterra non é unha novela. Tampouco unha guía de viaxes. É o resultante da feliz conxunción dunha exploración en sete xornadas ás que se ameceu a memoria toda dun pobo, coas súas cicatrices e as súas antigas ledicias que se entremesturan con episodios ficcionados, conversas reconstruídas e vivencias e reflexións nacidas da observación empírica de lugares e circunstancias.

Deste sabedeiro amoado, sabia e artesanalmente enfornado pola estilística maxistral do autor, van recendendo as prosas doces destas páxinas, polas que sabemos do hoxe e o onte dun mundo escindido entre a vertixe da globalización planetaria e o recuncar das tradicións inveteradas.

Mais, para rematar de adozar este tránsito por lugares e tribos, Rei Núñez non escatima en galanos, ora en forma versal ora a modo de retratos de amigos idos (caso do benquerido e chorado Antón Mouzo), compoñendo unha particularísima xeografía dos afectos que ten parada, por igual, en enclaves e individuos.

O propio escritor desvela o segredo da súa alquimia nalgunha pasaxe iluminadora: “Tamén un servidor exercerá de dous nesta viaxe: o cronista fiel do que os camiños vaian entregándolle e, máis gustosamente, o artesán que se acolle ás trampas da ficción; ese proceso que, segundo o admirado Julian Barnes, combina a liberdade total e o control absoluto (que ben soa!). Así que farei uso simultáneo de mentiras para dicir a verdade e de verdades para dicir mentiras, segundo conveña, e hibridando ademais a seriedade de falar do realmente moi coñecido coa desvergonza de falar do case ignorado.”

E abofé que cumpre coa palabra dada, pois en Cita en Fisterra abundan tanto a crítica ao absurdo da xestión pública e a horda feísta coma o aplauso ás iniciativas sostibles e respectuosas cunha paisaxe que, malia todo, segue a debruzarnos no abraio do telúrico.

Continuando unha liña creativa aberta con Imán Fisterra (1995), o presente Cita en Fisterra ha quedar entre nós como memorable exemplo de literatura do eu, unha escrita que funde seres e paisaxes nunha migración continua dos sentimentos aos espazos e viceversa. Un luxo que só os mestres como Luís Rei Núñez son quen de arrincar á Palabra.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 26-12-2011]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.