Día de Feira XVI

[Luz que se apaga. Praia do Altar, Barreiros. Foto Marcos Candia]

Hai tres semanas propuxen no ‘Día de Feira’ unha pregunta: Que a RAG designe polo mes de xuño o autor/a ao que se dedicará o seguinte Día das Letras Galegas, ¿cres que fai diminuír a atención prestada ao autor/a do ano en curso no resto da anualidade? Partía eu da sospeita de que o anuncio temperán da nova ou novo homenaxeado restaban atención á autora ou autor do ano en curso, á vista do que leva ocorrendo nos últimos tempos. Pois ben, está claro que esa miña dedución é secundada en parte si e en parte non.

Algo máis do sesenta por cento (o 61% exactamente) opinades que, efectivamente, o feito de que cada mes de xuño se anuncie a vindeira ou vindeiro homenaxeado no ‘Día das Letras Galegas’ faille fraco favor ao protagonismo da autora ou autor distinguido no ano en curso. E probablemente os que así pensades tivestes na mente acontecementos tan notorios como o aínda recente Congreso Lois Pereiro, que foi cualificado por algúns, non casualmente, como ‘congreso secreto’, secuestradamente arrombado como estivo na súa publicitación institucional, clandestinamente esquecido da visibilización que merecían unhas xornadas dedicadas a quen era, enténdese, o autor do ano.

Mais case un corenta por cento de vós (o 39% para máis precisión) coida que ese anuncio estival da nova ou novo homenaxeado en absoluto estorba a celebración en curso. Neste sentido, debo aclarar que consultei algún amigo académico e que me confirmaron que é preceptivo que, na primeira reunión plenaria posterior ao 17 de maio, a RAG nomee a nova ou novo homenaxeado. Por tanto, na súa actuación a Academia non fai senón cumprir coas regras estatutarias. O que non impide, engado eu, que esa norma se cambie se o conxunto dos membros chega a estimar que un desprazamento temporal na designación axudaría a optimizar o sentido da celebración.

Independentemente de que sexamos dun ou doutro parecer, o que é innegable é que dende o momento no que se soubo que o vindeiro ‘Día das Letras Galegas’ ía ser para Valentín Paz Andrade os medios de comunicación de masas —e, tamén si, as editoras e demais— puxeron a funcionar as súas maquinarias e comezaron a, imos deixalo en ‘repartir’ a súa atención, con este novo e importante nome da nosa literatura. Se a iso lle sumamos a coincidencia efemerística (pénsese no Ano Cunqueiro), que nunca se sabe cando vai cadrar (e lémbrese que o próximo é o Ano Celso Emilio), penso que se comprende ben como é que un creador da altura de Lois Pereiro foi perdendo gas massmediático, analítico e lector a partir de mediados de ano.

Insisto: o debate está aberto e a RAG debería considerar os pros e os contras da data na que revela as e os designados co ‘Día das Letras Galegas’. Todos desexamos que o barco desta celebración navegue esplendoroso, mais para iso convén non erguer brétemas innecesarias dende Terra.

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.