Farsa odiseica

Da man de Ana Pontón e Lino Braxe chéganos Ulises, divertidísima adaptación teatral da homérica A Odisea que ve luz na coñecida colección Punto de Encontro de Everest Galicia con ilustracións de Xosé Cobas.

Ulises é un festival humorístico en dous actos precedidos dun preludio, intermediados por un interludio e rematados cun apuntamento de proscenio imaxinario. No seu seo, un mangado de diálogos ocorrentes e hilarantes que conseguen abeirar os heroes do mito grego humanizándoos, facéndoos próximos ao espectador actual, mesmo xogando deliberadamente cos anacronismos para achegalos aos nosos días.

Destarte, Ulises énos presentado como un botaporela abondo fato e, no fondo, sortudo; Penélope é unha indecisa miñaxoia que abanea perigosamente na liña divisoria entre a bondade ética e a parvicie inxenua; os pretendentes ao trono de Ítaca en ausencia de Ulises son tres desastres: un vello ricacho que moito recorda os anciáns namoradeiros de Castelao, un toliño que non fai senón dicir barrabasadas e un hippy fumetas insoportablemente naïf.

A amálgama dialéctica que abrolla desta fauna ben pode sospeitarse. Iso si, Pontón e Braxe respectan o desenvolvemento e resolución da trama orixinais, se ben coloran irrisoriamente as aventuras e encontros do heroe (cunhas sereas peixeiras, unha Nausica antolladiza, un Polifemo metido ao negocio da óptica ou unha Circe de falar churrigueresco e proceder ben peliculeiro) ou cargan as tintas na espera estupidizada dunha Penélope aburada.

Este feliz esperpento acaba converténdose nunha faiscante caricatura do texto homérico, unha revisión paródica e carnavalesca que nos convida a revisitar o vello mito con novos ollos, vulgarizando condutas e pensamentos ata facelos pedestremente actuais e, polo mesmo, ben máis reais que os momificados arquetipos do modelo heleno.

Farsa moi amena que arrincará sorrisos a quen lle conceda o favor da lectura e peza ideal para adaptacións de grupos teatrais amateurs ou escolares, que asegurarán coa súa posta en escena unha oferta benhumorada e luminosa que, seguro, será recibida polo público cos brazos abertos en tempos de tanto gris.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.