Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Monthly Archives: Xaneiro 2012
Criticalia está de aniversario

Hai hoxe un ano comezaba esta aventura blogueira que é Criticalia. Facíao coa intención de que puidese servir de hostal das letras de noso, coa esperanza de que, quen quixese, se sentise hóspede, que entrase ata a cociña e curiosease, opinase e fose libre de ir e vir como lle prouguer.
E aínda que un traballa con toda a ilusión e dedicación das que é capaz, nunca sabe como vai ser recibido polos demais ese esforzo, se o que, coa mellor das intencións, quere pór en común con todas e todos vai ser do seu interese ou non, se aquilo que un sente como necesario o é, realmente, para outros.
Estes meses na vosa compaña demostráronme que aquilo que pola miña banda comezou como un ensaio, unha tentativa quen sabe se viable, acabou converténdose en algo máis duradoiro e, polo mesmo, de maior responsabilidade: Criticalia fíxose voso e, nas vosas mans, esixíame rigorosidade no que nel ía aparecendo e puntualidade e pluralidade nas entregas.
O balance non pode ser máis positivo: neste tempo, fostes máis de corenta mil os visitantes que por aquí pasastes, convertendo esta casa nun dos blogs críticos galegos máis seguidos. E non só iso, senón que lle destes vida cos vosos sempre lúcidos comentarios, que se contan por centos.
Do mesmo xeito, tamén dende outras páxinas se amosou o interese polo que aquí se ía comentando, como o confirman as ducias de pingbacks enlazados, as múltiples reproducións de textos que noutros lugares se fixeron e a xenerosa presenza de Criticalia en moitos dos blogsrolls das bitácoras e webs que na Rede son xa referencias inescusables para o noso espazo literario.
Da miña parte, tentei responder a ese interese do único modo que sei: redobrando os esforzos para ofrecer máis textos e máis variados. Este post que agora redacto fai o número 285, o que supón unha media de case un comentario ao día durante todo o ano, permanecendo fiel á cita convosco mesmo nos períodos vacacionais e festas de gardar, pois o lectorado é aquí o soberano.
O meu empeño, por tanto, foi laborar todo o posible no espallamento das nosas letras, dando noticia de 200 libros publicados nos pasados meses, o que, entendo, pode constituír un mosaico representativo do conxunto total da nosa produción anual.
Non me resta, pois, máis que darvos as máis fondas e expresivas grazas por manter vivo este espazo coa vosa compaña. Tedes a miña palabra de que tentarei seguir optimizando o blog para ofrecer máis e mellores contidos. Neste sentido, préstame anunciar que, a partir de mañá mesmo, incorporarei unha nova sección: ‘Parlamento das Letras’, un espazo no que se reproducirá unha entrevista orixinal con diferentes escritoras e escritores do noso panorama literario, tentando recoller o espírito do homónimo Parlamento que o mestre don Ánxel Fole publicara, hai agora medio século, nas páxinas do xornal lucense El Progreso.
Por último, a partir de hoxe mesmo é tamén posible informarse do que no Criticalia vai sendo noticia a través do novo perfil que estreei en Twitter (@armandorequeixo), onde irei dando conta dos novos comentarios que vaian aparecendo, como xa viña facendo no meu perfil de Facebook e Redelibros.
Considerádevos convidados nesta casa hospitalaria que sempre quixo ser Criticalia. O meu maior premio é poder ser o voso anfitrión. E fago votos para que esta encomenda me obrigue por moitos anos.
Beizóns a tod@s!
Día de Feira XVIII
[Vertixe das augas. Foto Marcos Candia]
Días atrás, facendo balance dos títulos que nos últimos tempos foron aparecendo, preguntábame eu se o notorio descenso no número destes tivera algunha repercusión directa na calidade da oferta. Noutras palabras: quería saber se pensabades que un menor volume de publicación implicaba un nivel máis elevado nas obras que chegaban a se publicar.
A vosa resposta foi, desta volta, maioritariamente negativa; ou sexa, que case un setenta por cento (o 67% en concreto) credes que o feito de que se publicasen menos obras non fixo que as que si viron luz fosen de calidade máis escolleita, contra pouco máis dun trinta por cento (o 33%) que si que pensa que os libros que chegaron a comercializarse son máis selectos.
As opinións vertidas poden, coma sempre, interpretarse en diferentes sentidos. Mais creo que de entre todos eles hai un que sobrancea: se se publica menos e, proporcionalmente, non se publica mellor, debe inferirse que algo está a fallar entre os responsables editoriais que deciden as obras que van e que non van ao prelo.
Nunha situación tan delicada como a presente, cunha crise galopante que estreita as marxes de manobra da industria editorial de noso, non é conveniente que o olfacto na escolla dos títulos sexa tan dubidoso.
Xaime Quintanilla, do A ao Z
Malia ser Xaime Quintanilla un dos persoeiros máis relevantes da vida cultural e política galega do primeiro terzo do século XX, non teñen sido moitos os estudosos que dedicaron o seu tempo a analizar en profundidade a súa intensa biobibliografía. Apenas se algún artigo illado de prensa, sucintas entradas en enciclopedias e dicionarios, algún artigo breve e, como traballos maiores, un par de edicións de pezas dramáticas súas debidas a Laura Tato e Roberto Pascual e, sobre todo, a biografía que hai uns anos escribira a súa filla Beatriz Quintanilla Rico para os Cadernos do Ateneo Ferrolán.
Así as cousas, a monografía Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República que coasinan os historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez resulta non só un traballo de interese certo, senón tamén unha fonte de información e análise absolutamente necesaria.
A obra, que foi distinguida co Premio Fundación Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011, veu luz coincidindo co setenta e cinco cabodano do autor, sumarisimamente fusilado polos fascistas adoradores do ditador Francisco Franco Baamonde o 17 de agosto de 1936, cando pouco pasaba dos corenta e cinco anos.
O excelente traballo documental, investigador e hermenéutico de Romero Masía e Pereira Martínez vai percorrendo os principais socalcos da vida persoal, familiar e pública, como político e escritor, de Quintanilla. Deste xeito, sabemos da súa xenealoxía, da etapa de formación como médico e o seu paso por diversas universidades, dos comezos como articulista e promotor de medios escritos e, moi especialmente, da súa incondicional entrega ao activismo político, que o levou ata a alcaldía de Ferrol, observante sempre da que foi a súa laica trindade ideolóxica: socialismo, nacionalismo, republicanismo.
Entrega do Premio Lueiro Rey a Mario Regueira
Onte sábado, andei por terras do Grove para, un ano máis, asistir como xurado á entrega do Premio Lueiro Rey de Narrativa Curta, que vai xa camiño das dúas décadas de existencia, consolidándose como o máis veterano e, tamén si, un dos máis prestixiosos certames do seu xénero en Galicia.
O protagonista do día foi, con unánime merecemento, Mario Regueira, poeta e narrador de curta pero intensa traxectoria, que conta xa no seu haber con diversos outros premios e varios títulos no mercado e que é un dos nosos máis prezados blogueiros dende o imprescindible O porto dos escravos.
A obra pola que recibiu o galardón, Outono aquí, presentouse ao público ás doce da mañá na Casa do Concello e foi editada por Sotelo Blanco Edicións na súa referencial colección Medusa. No acto interviñeron Manuel Quintáns Suárez (quen como presidente do xurado leu un discurso no que se congratulou pola longa e frutífera andaina do certame e felicitou a todos aqueles que fan posible a súa permanencia no tempo), Alexandre Aguín Castro (quen, en calidade de secretario, leu a acta do xurado), Francisco López Chesqui (que en nome de Sotelo Blanco Edicións fixo unha emotiva gabanza da figura de Lueiro Rey) e, xaora, Mario Regueira, tomando a palabra para agradecer o premio, felicitar o concello pola organización e mantemento do mesmo e o xurado e mais a editora polo seu compromiso con este.
Á xuntanza, que foi presidida e moderada polo alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, e organizada pola técnica de Cultura Marina Aguín Núñez, asistiu numeroso público, as fillas e fillos do propio Lueiro Rey, autoridades locais, o xurado ao completo (isto é, amais do amentado Quintáns Suárez, Ánxela Gracián, Chelo Suárez Muíños e Francisco Martínez Bouzas) e outros convidados relacionados co mundo cultural e literario, que lograron por unhas horas mergullar a vila arousá nun ambiente festivo no que a escrita de noso irmandou xentes e vontades.
Como queira que no seu día xa ofrecín algunhas claves caracterizadoras deste magnífico Outono aquí, limitareime agora a convidarvos a que esteades atentos á pronta distribución da novela polas librerías do país. Esta historia de reencontros fraternos, de sentimentos viaxeiros de Galicia a Gante, de segredos orfos e violencias ocultas, de amores e desamores palpitantes, da asunción do inevitable e a determinación de novos e esperanzadores rumbos, este grande teatro das relacións humanas que Mario Regueira nos regala ben merece unha lectura. A vosa lectura.












