Xanela aberta

Fiel á súa cita estacional ve luz o número de outono da revista mariñá A Xanela. Como noutras ocasións, nas súas páxinas alternan os textos poéticos coas prosas e os ensaios breves. O conxunto resulta un interesante mostrario no que participan xunto a voces consagradas novos valores que, aos poucos, van referenciando o seu propio espazo no noso panorama literario.

Editada pola Asociación Cultural Eira Vella, esta entrega A Xanela reproduce versos de Manuel Rivas (“A boca da terra”) e Gabriela Rodríguez (“Aos que chegan”), en galego, e Cristino Cortes e João de Castro Nunes en portugués, conciliando así a lírica da memoria dos represaliados de Rivas e a escrita esperanzada nas novas xeracións de Rodríguez coas poesías máis clásicas do sonetista Castro Nunes ou as estrofas en homenaxe aos grandes da literatura lusa de Cortes.

Canto á prosa de creación ofrécese un tríade que inclúe unha estampa ecfrástica de Miguel Mato Fondo, unha evocación saudoso-migratoria de Manuel Fiaño Sánchez (“Esa maldita enfermidade”) e unha breve narración metaliteraria de Elena Veiga Rilo (“Galicia Caníbal”).

Máis amplitude e variedade se percibe nas colaboracións ensaísticas, onde é posible descubrir aproximacións historiográficas e antropolóxicas (“San Xoán de Callobre” de Xosé María Veiga Ferreira e Juan Sobrino Ceballos; “Arredor da casa gótica dos Vilaousaz” de Baraxeiro e Xulio Rozados ou a reprodución do artigo de época “Galicia Contemporánea. Páxinas de Viaxe. Betanzos” de Waldo A. Ínsua), presentacións literarias (“Memorias dun neno labrego: cincuenta anos xa!” de Pilar Vázquez), análises psicoevolutivas (“A marabillosa mente dos cativos” de Manuel B. Dans), panorámicas sobre o humorismo galego (“O (mal)humor” de Moncho do Orzán), lembranzas de textos da nosa literatura de tradición oral (“Cantigas de Reis” recordada por Manuel Lousa Rodríguez), documentadas análises sobre a música nos nosos concellos (“A Banda de Música Municipal de Betanzos” de Xulio Cuns) e mesmo apuntamentos sobre frutíferas irmandades musicais na actualidade (“Galicia e Brasil: unha viaxe de ida e volta” de Xosé Luís Sobrino).

E é que, logo dunha trintena longa de números publicados, A Xanela é xa, como ben se ve, unha valiosa cabeceira para mellor coñecer as humanidades mariñás e non só.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.