Día de Feira XVII

Hai uns días, á vista dos preparativos que tanto con motivo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas coma, sobre todo, por mor do Centenario Celso Emilio estaban a desenvolverse, pensei que conviña pulsar a opinión xeral nun Día de Feira sobre cal sería o persoeiro que concitaría maior atención ao longo deste ano que hai nada comezamos.

Pois ben, os resultados, máis unha vez, foron abouxadores. Por servirnos dun símil futbolístico, o encontro rematou cun contundente Celso Emilio 7—Valentín Paz Andrade 0. Ou o que é o mesmo: un 71% de vós está convencido de que o 2012 vai ser o Ano Celso Emilio, un esquelético 17% concede que ambos os dous serán o centro de atención e aínda un 12% entende que serán outros ou outras os que figurarán como protagonistas (quen sabe se pensando na aparición dalgún título destacado dalgún dos nosos máis afamados creadores do momento ou na concesión dalgún galardón internacional a un deles). O caso é que ninguén, absolutamente ninguén, cre que neste ano a figura de Paz Andrade vaia desprazar, mediatica e divulgativamente, a Celso Emilio.

Alén doutras consideracións que, con certeza, poderían facerse, interésame agora deixar sobre da mesa unha reflexión dirixida aos señores (e ás, desafortunadamente, poucas señoras) da RAG: ¿seguen a pensar que a súa elección para este ano foi a máis atinada tendo presentes todas as circunstancias?

Oxalá o noso circuíto literario dea unha proba de madurez deixando espazo para alentar a estas dúas figuras e a outras que neste ano merecen tamén especial acordanza (estou a pensar, por exemplo, no centenario da morte de Manuel Leiras Pulpeiro ou no bicentenario do nacemento de Francisco Añón). Sería un sinal inequívoco de que o noso pasado literario se percibe rico e diverso e de que os que somos os seus herdeiros sabemos honrar a memoria de todos estes astros da escrita.

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.