Relatos a deshora

Non é Xavier Lorenzo un novel da narrativa de noso. Cunha traxectoria como autor de varios lustros xa e diversos títulos publicados (entre os que se conta mesmo un Premio Blanco Amor por O paxaro que canta un nome), a súa é unha sinatura ben coñecida entre o noso lectorado.

Así as cousas, a recente publicación do volume de relatos Libro de deshoras debe xulgarse como froito da escrita dun autor de voz madurecida, con oficio máis que demostrado.

Pois ben, este feixe de prosas comparece desigual e, xunto a algúns textos paródicos e de ácido contrafacta nos que se amosa unha lectura intelixente e descrida do absurdo social, outros redúcense á pura redacción de anécdotas mínimas e intranscendentes, que non estimulan lecturas simbólicas ou críticas, por suposto tampouco epifánicas. Son minirrelatos de ínfima materia narrativa, que descobren unha estilística de brillo mate.

Alén destas narracións ocorrentes (algunhas centradas tan só en relatar que o protagonista confunde acotío azucre e sal e que por iso se afixo a tomar os ovos doces), hai tamén algúns outros textos nos que brilla a luzada do irónico e o gume crítico apunta maneiras máis sólidas.

Un volume, por tanto, irregular nas calidades do que ofrece e que non consegue superar o nivel do ata agora publicado por Xavier Lorenzo, notable narrador do que haberá que agardar futuros libros de incuestionable interese.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.