Xaime Quintanilla, do A ao Z

Malia ser Xaime Quintanilla un dos persoeiros máis relevantes da vida cultural e política galega do primeiro terzo do século XX, non teñen sido moitos os estudosos que dedicaron o seu tempo a analizar en profundidade a súa intensa biobibliografía. Apenas se algún artigo illado de prensa, sucintas entradas en enciclopedias e dicionarios, algún artigo breve e, como traballos maiores, un par de edicións de pezas dramáticas súas debidas a Laura Tato e Roberto Pascual e, sobre todo, a biografía que hai uns anos escribira a súa filla Beatriz Quintanilla Rico para os Cadernos do Ateneo Ferrolán.

Así as cousas, a monografía Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República que coasinan os historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez resulta non só un traballo de interese certo, senón tamén unha fonte de información e análise absolutamente necesaria.

A obra, que foi distinguida co Premio Fundación Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011, veu luz coincidindo co setenta e cinco cabodano do autor, sumarisimamente fusilado polos fascistas adoradores do ditador Francisco Franco Baamonde o 17 de agosto de 1936, cando pouco pasaba dos corenta e cinco anos.

O excelente traballo documental, investigador e hermenéutico de Romero Masía e Pereira Martínez vai percorrendo os principais socalcos da vida persoal, familiar e pública, como político e escritor, de Quintanilla. Deste xeito, sabemos da súa xenealoxía, da etapa de formación como médico e o seu paso por diversas universidades, dos comezos como articulista e promotor de medios escritos e, moi especialmente, da súa incondicional entrega ao activismo político, que o levou ata a alcaldía de Ferrol, observante sempre da que foi a súa laica trindade ideolóxica: socialismo, nacionalismo, republicanismo.

Por suposto, Romero Masía e Pereira Martínez tamén dedican ben cumpridas páxinas a detallar o papel xogado por Quintanilla no seo das Irmandades da Fala e mais na defensa e promoción do Estatuto de Autonomía, reservando igualmente un longo capítulo para ofrecer unha relación exhaustiva da súa produción literaria, coñecida no que di das súas obras en volume, mais pouco divulgada —cando non directamente descoñecida— no caso das escasas colaboracións poéticas e no centenar longo de artigos que aínda permanecen sen compilar espallados por diversas cabeceiras galegas e foráneas.

A obra complétase coa engádega dun apéndice biocronolóxico profusamente informado e unha listaxe de obras e arquivos consultados que dá idea da fondura coa que os autores peitearon toda canta referencia de proveito existe sobre Quintanilla.

Non quero rematar sen salientar un último aspecto que me semella de especial relevo: o libro, xeitosamente editado pola Fundación Luis Tilve, insire nas súas preto de trescentas planas grande número de ilustracións nas que se reproducen documentos, ilustracións, caricaturas e outras imaxes que, amais de servir de apoiatura ao discurso textual, fornecen tamén ao conxunto de valiosa información complementaria.

Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República é un documento imprescindible para o mellor coñecemento dun momento crucial da nosa Historia recente, que tivo neste coruñés de nacenza e ferrolán adoptivo un dos máis relevantes personaxes da nosa vida cultural e política daqueles anos. Aos profesores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez debemos esta alfaia investigadora, grazas á cal o noso pasado e os seus protagonistas han ser para todos algo menos descoñecidos.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 29-1-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.