Criticalia está de aniversario

 

Hai hoxe un ano comezaba esta aventura blogueira que é Criticalia. Facíao coa intención de que puidese servir de hostal das letras de noso, coa esperanza de que, quen quixese, se sentise hóspede, que entrase ata a cociña e curiosease, opinase e fose libre de ir e vir como lle prouguer.

E aínda que un traballa con toda a ilusión e dedicación das que é capaz, nunca sabe como vai ser recibido polos demais ese esforzo, se o que, coa mellor das intencións, quere pór en común con todas e todos vai ser do seu interese ou non, se aquilo que un sente como necesario o é, realmente, para outros.

Estes meses na vosa compaña demostráronme que aquilo que pola miña banda comezou como un ensaio, unha tentativa quen sabe se viable, acabou converténdose en algo máis duradoiro e, polo mesmo, de maior responsabilidade: Criticalia fíxose voso e, nas vosas mans, esixíame rigorosidade no que nel ía aparecendo e puntualidade e pluralidade nas entregas.

O balance non pode ser máis positivo: neste tempo, fostes máis de corenta mil os visitantes que por aquí pasastes, convertendo esta casa nun dos blogs críticos galegos máis seguidos. E non só iso, senón que lle destes vida cos vosos sempre lúcidos comentarios, que se contan por centos.

Do mesmo xeito, tamén dende outras páxinas se amosou o interese polo que aquí se ía comentando, como o confirman as ducias de pingbacks enlazados, as múltiples reproducións de textos que noutros lugares se fixeron e a xenerosa presenza de Criticalia en moitos dos blogsrolls das bitácoras e webs que na Rede son xa referencias inescusables para o noso espazo literario.

Da miña parte, tentei responder a ese interese do único modo que sei: redobrando os esforzos para ofrecer máis textos e máis variados. Este post que agora redacto fai o número 285, o que supón unha media de case un comentario ao día durante todo o ano, permanecendo fiel á cita convosco mesmo nos períodos vacacionais e festas de gardar, pois o lectorado é aquí o soberano.

O meu empeño, por tanto, foi laborar todo o posible no espallamento das nosas letras, dando noticia de 200 libros publicados nos pasados meses, o que, entendo, pode constituír un mosaico representativo do conxunto total da nosa produción anual.

Non me resta, pois, máis que darvos as máis fondas e expresivas grazas por manter vivo este espazo coa vosa compaña. Tedes a miña palabra de que tentarei seguir optimizando o blog para ofrecer máis e mellores contidos. Neste sentido, préstame anunciar que, a partir de mañá mesmo, incorporarei unha nova sección: ‘Parlamento das Letras’, un espazo no que se reproducirá unha entrevista orixinal con diferentes escritoras e escritores do noso panorama literario, tentando recoller o espírito do homónimo Parlamento que o mestre don Ánxel Fole publicara, hai agora medio século, nas páxinas do xornal lucense El Progreso.

Por último, a partir de hoxe mesmo é tamén posible informarse do que no Criticalia vai sendo noticia a través do novo perfil que estreei en Twitter (@armandorequeixo), onde irei dando conta dos novos comentarios que vaian aparecendo, como xa viña facendo no meu perfil de Facebook e Redelibros.

Considerádevos convidados nesta casa hospitalaria que sempre quixo ser Criticalia. O meu maior premio é poder ser o voso anfitrión. E fago votos para que esta encomenda me obrigue por moitos anos.

Beizóns a tod@s!

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Varia and tagged . Bookmark the permalink.

16 Respostas a Criticalia está de aniversario

  1. María Solar di:

    PARABÉNS polo extraordinario traballo, pola constancia e a ilusión con que o fas!! A seguir sumando anos deste blog necesario.

  2. Parabéns, Armando. O teu blog foi todo un descubrimento e o teu labor é deses que merecen ser seguidos con atención. Un pracer contar contigo, aquí e en Redelibros.

  3. Miguel Anxo Mouriño di:

    Moitas felicidades, Armando, polo aniversario e parabéns polo traballo ben feito. Este blog é xa un refrente necesario para os “letraferidos”.

  4. Moncho di:

    Paréceme un traballo moi bo. Non hai moitos críticos que debrucen as obras e que conten o malo das obras. Dicir o bonito, sen más, é doado e serve para gustar a todos; a crítica consciente é esta, que serve para valorar unha obra e animar ou non a lela. Dende logo, gústame moito o traballo, polas lecturas pausadas e porque non hai obras pequenas nin grandes, pois todo ten cabida.

  5. David Cortizo Conde di:

    Parabéns Armando, e grazas por facilitar a miña angueira á procura dunha boa dieta literaria (“Beatum Corpus”, “As fiandeiras”;…).

  6. Ollo de Vidro di:

    Parabéns Armando, o teu blogue convertiuse neste ano nun lugar de referencia grazas ao teu magnífico labor.

  7. toni vazquez di:

    parabéns a criticalia por este aniversario e como xa dixen noutros foros que teña unha longa estadía. non son un usuario dos fieis mais si que sego a traves de redelibros e leo as opinions sobre algunha das miñas ultimas ou posibles adquisicións… de novo parabens e grazas polo traballo e esforzo.

  8. Marcos Candia Cuba di:

    PARABÉNS!!!!

    Brindemos por moitos anos máis de vida para CRITICALIA! A revista dixital da crítica galega.

    Gran traballo o teu Armando, xamais che pagaremos esta entrega!

  9. Isa Vigo di:

    Moi bo traballo Armando, que siga durante moitos anos máis. Saúdos.

  10. aser di:

    moi bo traballo, cheo de rigor, agarimo e paixón

  11. Dende a Mitra Mindoniense, vivo pretiño do Hospital San Pablo, donde todo comenza…. son gran seguidor do teu blog. e compartimos temas da criticalia no blog ateneo cultural da asociación o pasatempo. Gran traballo e longa estadia, que para nós, convírtese en coñecemento e guia literaria de referencia. Si de Cunqueiro recollemos e pedimos ¡ mil primaveiras para Criticalia ! , do presente 2012, podemos recoller de Leiras Pulpeiro, “versos cargados de emoción e compromiso, un bo home que se preocupou polos seus veciños e veciñas”. Así podemos clasificar Criticalia e a Armando Requeixo con Mondoñedo e Galicia. Non sei como facer en verbas un aturuxo para expresar a ledicia deste ano de vida…coido que o millor será… ir xuntos día a día, visitando Criticalia. Vendo como se fai nova, mentras nós, facemonos mais vellos e cargados de coñecemento literario.
    Grazas por darnos o teu tempo , traballo e esforzo os que queremos, aprender a ler.

  12. Paz Raña di:

    Parabéns neste teu exercicio de mediación entre libros e letras e os nosos ollos :)

  13. Fermosa criatura, Armando, bochechuda e coloradiña da cara. Ogallá teñamos ollos para contemplarlle as medras. Unha forte aperta.

  14. herba di:

    Noraboa, Armando! O Criticalia é xa unha parada obrigada para tomarlle unhas letras en boa compaña e atopar acubillo. Un saúdo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>