Día de Feira XVIII

[Vertixe das augas. Foto Marcos Candia]

Días atrás, facendo balance dos títulos que nos últimos tempos foron aparecendo, preguntábame eu se o notorio descenso no número destes tivera algunha repercusión directa na calidade da oferta. Noutras palabras: quería saber se pensabades que un menor volume de publicación implicaba un nivel máis elevado nas obras que chegaban a se publicar.

A vosa resposta foi, desta volta, maioritariamente negativa; ou sexa, que case un setenta por cento (o 67% en concreto) credes que o feito de que se publicasen menos obras non fixo que as que si viron luz fosen de calidade máis escolleita, contra pouco máis dun trinta por cento (o 33%) que si que pensa que os libros que chegaron a comercializarse son máis selectos.

As opinións vertidas poden, coma sempre, interpretarse en diferentes sentidos. Mais creo que de entre todos eles hai un que sobrancea: se se publica menos e, proporcionalmente, non se publica mellor, debe inferirse que algo está a fallar entre os responsables editoriais que deciden as obras que van e que non van ao prelo.

Nunha situación tan delicada como a presente, cunha crise galopante que estreita as marxes de manobra da industria editorial de noso, non é conveniente que o olfacto na escolla dos títulos sexa tan dubidoso.

Haberá quen retruque: talvez seleccionan materiais de segunda porque non hai mellores textos entre os que espigar. Tal obxección é doadamente desestimable: cónstame que chegan a un non pequeno número de editoras deste país títulos máis que considerables. ¿Que por que o sei? Porque moi diversas autoras e autores de traxectoria contrastada e avalada me teñen confidenciado ter orixinais seus en espera dende hai moitos meses, en ocasións sen que teñan a certeza de que vaian ser editados nun prazo razoable. Doutra parte, non debe perderse de vista que son afortunado ao poder ler ducias de manuscritos nos premios aos que teño a honra de asistir como xurado e sei que, alén dos gañadores, sempre hai dous, tres, catro títulos máis que publicables por calidade e, veces houbo en que, tempo despois de concorrer estes aos certames, acabei sabendo que eses títulos figuraban na lista de espera de editoras que non se decidían a publicalos.

Por tanto: o problema non reside na falta de calidade das nosas creadoras e creadores. Nin sequera pode aporse que, ante tamaña crise, os escritores producen menos e que, polo mesmo, hai un número máis escaso de obras que chegan aos selos e que estes escollen entre o pouco que reciben. Xa expliquei máis arriba que esa non é a situación, senón todo o contrario: as mesas dos editores están inzadas de obras que agardan quenda e as escritoras e escritores cos que me atopo acotío quéixanse amargamente do complicado que é dar saída aos seus orixinais (e isto tanto entre os que todos concordariamos en considerar como menos recoñecidos coma entre aqueloutros que non discutiriamos en cualificar de sobradamente consolidados, sobre todo se falamos de poetas e dramaturgos).

Daquela, cómpre animar a quen lle corresponde a que escolme con máis acerto. Nunha situación como a que atravesamos, non podemos permitirnos o luxo como literatura de saturar o mercado de produtos de cuestionable calidade, porque se xa é difícil de por si manter un lectorado que ten que facer un importante esforzo para adquirir os textos, o que acabará por causar un moi grave problema é disuadilo do seu voluntarioso xesto aborrecéndoo con obras que non responden á calidade mínima esixible.

Pero claro, esta é a miña opinión. A vosa debería de cobrar vida en forma de comentarios…

 

 

Esta entrada foi publicada en Día de Feira, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

5 respostas a Día de Feira XVIII

  1. A cuestión, coma sempre, é: cal e o criterio dos editores para publicar unha obra? Aí está a resposta, Armando. Nun momento de crise, que se prima, a calidade ou a suposta rendabilidade da publicación?
    En calquera caso, son consciente de que o concepto “calidade literaria” é bastante difuso…
    Por outra banda, eu téñoo claro: diríalle a eses autores que teñen obras no peto que miraran ao seu redor. E se atreveran coa publicación propia. Unha aventura fascinante.

  2. Gustavo A. Garrido di:

    Hai unha relación directa entre o volume de subvencións ao libro e o número de publicacións, como tamén entre o número de premios literarios e o número de títulos publicados. Isto non é, na miña opinión, totalmente independente da calidade, que empeora nos periodos de abundancia e non ten por que mellorar durante as restriccións. Supoño que a calidade terá que ver co saber a coa valentía do director literario e a tardanza en publicar, co número de editoriais. Digo eu.

  3. David Cortizo Conde di:

    Confeso que eu fun dos que votei pensando que a menor numero de títulos publicados, maior calidade (media) dos mesmos (e o sigo pensando). Agora tras o dito por Armando (eses editores que non se atreven a publicar obras que consideran pouco rentabeis) fico un pouco descolocado. O dito por Fran Zabaleta a día de hoxe é unha gran verdade, se non te queren nunha editorial “das grandes”, recorrer a autoedición hoxe en día e unha posibilidade ben boa. Agora si, pode correrse o risco (así sucederá) que o mercado se encha de volumes de pésima calidade autopublicados e estaremos ante o escenario que se trata de evitar; que non é outro que o de espantar aos lectores en galego (que somos ben poucos).

  4. Penso, David, que a posibilidade de que o mercado se encha de volumes de pésima calidade é mínima. É máis un “lugar común”, froito de tempos pasados. Se falamos de autores máis ou menos coñecidos que teñen obras paradas porque a editorial non se anima (debido á crise ou ao que sexa), estamos a falar en principio de obras de calidade. E, por outra parte, tamén se da o caso de moito autor que non publicou nunca, malia o seu bo facer literario, por non atopar o seu oco no “mercado” editorial. De calidade, en calquera caso, si entende o lector… que é ao cabo que fará a derradeira selección.

    • Estimados Fran, Gustavo e David:

      Permitídeme que responda conxuntamente aos tres, pois coido que o fío do meu discurso será máis claro se vou dialogando a un tempo coas diversas ideas que fostes expoñendo.

      Está claro que o criterio dos editores é neste asunto decisivo, tal como apunta Fran. E tamén que se algún autor ou autora non está disposto a someterse a ese filtro o mellor é a autoedición, outra cousa é que a obra así publicada teña idéntica distribución e presenza que a realizada a través das editoras ‘convencionais’. Amais, se se produce un masivo desembarco na autoedición, córrese o risco, como ben di David, de inflacionar o mercado con títulos que non pasaron ningún tipo de contraste, nin o máis mínimo, Fran, así que por esa vía podémonos levar sempre as maiores sorpresas, tanto positivas coma negativas.

      Doutra parte, Gustavo lembra, con acerto, que no número de títulos do mercado inflúe, e moito, o asunto das subvencións. E claro, agora son menos, polo tanto, as obras éditas diminúen. Pero a pregunta persiste: logo eses menos títulos, ¿son mellores?, ¿hai notable diferenza de calidade entre os períodos de ‘abundancia’ e de ‘restricións’?

      Canto ao tema dos premios, é verdade que estes aseguran publicacións e, polo mesmo, a maior número de premios máis títulos asegurados. Agora ben, malia todo, as convocatorias que no país había non reveron significativamente nestes últimos tempos, así que non parece que ese sexa un factor, de momento, desequilibrante.

      Sexa como for, coincido convosco en que o tema é complexo e que convén reflexionarmos entre todos por ver como mellor axudar a sensibilizar os responsables do caso. Crear un estado de opinión sobre este particular estou convencido de que axudaría a optimizar recursos. Deixar de facelo podería significar, como apunta David, acabar de espantar lectores en galego.

Os comentarios están pechados.