Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Monthly Archives: Febreiro 2012
Floralia valeca
Onte, 28 de febreiro, andei polo meu Mondoñedo natal para presentar os meus respectos a don Álvaro Cunqueiro e don Manuel Leiras Pulpeiro. Ao primeiro por ser a data exacta do seu trixésimo primeiro cabodano. Ao segundo por conmemorarse o centenario do seu pasamento.
Con tal motivo, tiven a honra de me sumar a unha comitiva da corporación mindoniense presidida polo alcalde en funcións, Modesto Díaz García, que se viu acompañada por diversos concelleiros ferroláns (pois non en van a cidade departamental está irmandanda coa de Mondoñedo e ambas as dúas comparten co-capitalidade eclesiástica). Todos xuntos depositamos varias rosas vermellas na tumba de Leiras e coroas de flores na de Cunqueiro, fronte á que se me permitiu dicir unhas palabras en lembranza e homenaxe.
Como remate á xornada rememorativa e trasladados xa ao Salón de Plenos da Casa do Concello, pronunciei unha breve alocución baixo o título de “Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable” (expresión que el mesmo acuñou nalgunha entrevista), á que seguiu unha lectura pública do poemario Herba aquí ou acolá que principiei co recitado dos insuperables versos de “Recoñecemento de Harold Godwinson”.
Deixo tras estas liñas o texto completo do que alí foi lido, por se fose do voso interese, coa esperanza de que a evocación vos convide a regresar á lectura deste xenio das letras mindonienses.
Na categoría Literatura galega, Varia
Coas etiquetas Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá, Literatura galega, Manuel Leiras Pulpeiro, Mondoñedo
Leave a comment
Ames Literaria
O pasado mércores, os amigos de Ames Radio convidáronme a achegarme ata os seus micrófonos para manter unha animada conversa sobre diversas cuestións de índole literaria.
Inicialmente, a escusa que nos deu pé para a entrevista foi a recente publicación do meu volume Criticalia, pero a excelente profesional que Nazaret López é soubo abrir o diálogo a outros ámbitos que nos levaron ata a reflexión sobre o momento literario actual, a proxección do concello de Ames dentro do panorama da nosa escrita e mesmo houbo tempo para a recomendación de lecturas.
Como coido que pode ser de interese o que alí se contou, deixo a seguir o arquivo sonoro coa entrevista. Se tedes curiosidade e queredes oíla, clicade na foto da radiante Nazaret.
A literatura luminosa de Agustín Fernández Paz
Fiel á súa cita periódica co lectorado, Agustín Fernández Paz publicou semanas atrás Fantasmas de luz, unha historia de alento fantástico e trasfondo simbólico que foi ilustrada con mestría por Miguel Anxo Prado e editada con esmero por Xerais.
Dende o argumental, esta novela curta —son apenas cento vinte páxinas nunha caixa moi esponxada, á que seguen unhas engádegas a xeito de amplificacións episódicas que se presentan co descritivo título de “Tomas extra”— relata a historia dun operador de cabina de proxección que, aos cincuenta e tres anos de idade, fica no paro, co conseguinte pequeno grande drama que iso supón nun momento como o actual, véndose condenado ao desemprego indefinido como tantos traballadores de certa idade, marxinados por un mercado laboral en absoluto integrador.
Todo o anterior articúlase a través dunha trama na que o parabólico cobra forza e onde o papel do amor e a solidariedade social son decisivos, por máis que moitas outras presenzas poidan tamén rastrexarse nestas planas, ben como temas secundarios ben como simples motivos, tal o tabeironizado papel dos empresarios depredadores, o laio por un mundo de maxias cinematográficas que desaparece para proseguir baixo a forma de comercio deshumanizado ou as complicacións que a adicción ao traballo pode provocar nos difíciles equilibrios da vida en parella.
Por tanto, Fantasmas de luz vén ser a particular homenaxe que Fernández Paz rende á Sétima Arte, pois en non poucos sentidos esta novela é un curioso cóctel que participa por igual do Cinema Paradiso de Tornatore, o Invisible Man de Ralph Ellison (co mestre Wells ao fondo) e tamén coas claves propias de libros anteriores, como, poño por caso, O meu nome é Skywalker, onde o tema da invisibilidade social dos febles e desfavorecidos é tamén evidente.
Narrada coa impecable resolución e efectividade na intriga que caracterizan todos os produtos da factoría Fernández Paz, Fantasmas de luz é un notable exercicio de exploración dos sentimentos e reinvención dun futuro esperanzador, que aposta pola superación da desoladora crise social que nos tocou vivir a través da recuperación dos valores dun pasado experiencial do que convén nutrirnos e aprender para reinventarnos de cara ao futuro.
Así pois, imponse observar a lección desta película de palabras, que nos recorda que, moitas veces, vagamos como luminosos espectros que ansían fondamente visibilizarse.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 26-2-2012]
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual
Coas etiquetas Agustín Fernández Paz, Crítica literaria, Edicións Xerais, Fantasmas de luz, Narrativa galega actual
1 Comentario
A ‘Majina’ non espuria
Continuando coa súa xa longa e valiosa andaina, a colección Clásicos Galegos de Sotelo Blanco Edicións acolle a publicación de Majina, ou a filla espúrea, a novela fundacional da prosa galega do XIX debida ao estradense de Vilancosta Marcial Valladares.
Como é adoito na colección, recupérase a obra a través dunha edición crítica, que presenta un texto fixado por un especialista a partir do rigoroso cotexo das fontes documentais existentes (para o caso, o manuscrito autógrafo da novela e mais a edición en folletín que tirou La Ilustración Gallega y Asturiana entre xullo e decembro de 1880). Nesta ocasión, o responsable de tal labor foi o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado, o mellor coñecedor da obra de Valladares, a quen dedicou a súa tese de doutoramento, a biografía canónica do escritor e numerosos ensaios en volumes colectivos e revistas.
Impecable e nada espuria esta edición, que conta, amais, cun valioso estudo introdutorio de Fernández Salgado no que se sintetizan os principais aspectos definitorios da narración, outra razón máis que converte este libro nunha obra de referencia.
[Publicado no xornal Faro de Vigo, 23-2-2012]
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega
Coas etiquetas Crítica literaria, Majina ou a filla espúrea, Marcial Valladares, Narrativa galega, Xosé Antonio Fernández Salgado
Leave a comment












