Os relatos-lóstrego de Fernando Díaz-Castroverde

Sabía da escrita de Fernando Díaz-Castroverde por un poemario que publicara vai agora para catorce anos e que gañara no seu día o Premio de Poesía do Concello de Carral. Naquel libro, Camiño de píntegas, revelábase xa como un autor para o cal o universo do amatorio, a ancoraxe telúrica, a cíclica estacionaria e, sobre todo, o inapelable pasar do Tempo non tiñan segredos.

Por iso, cando coñecín a nova de que Microbios e outros paquidermos obtivera o último Premio de Narrativa Breve Repsol pensei que era a ocasión acaída para volver á lectura deste escritor, ao que apenas se vira na última década como colaborador puntual dalgunha revista ou ocasional concursante en certames poéticos.

Microbios e outros paquidermos é un conxunto de cento vinte textos que, pola súa mínima extensión —nunca ocupan máis dunha plana e en non poucos casos media é suficiente— e máxima intensión, podemos considerar microrrelatos, aínda que pola modulación estrutural que cada un deles adopta coexistan no libro as facecias, as anécdotas, as parábolas, os apotegmas e outras formulas narrativas que os responsables editoriais alcuman na contracuberta de “relatos-lóstrego”, subxénero este de longa tradición entre nós que tivo dende vello insignes cultivadores, como, poño por caso, don Ánxel Fole cos seus “Contos-lostrego” (Medusa. Relatos, 1984).

Estes contos mínimos de Díaz-Castroverde tratan moi dispares temáticas, se ben é posible distinguir neles series que os agrupan arredor dun motivo común. Así, hai textos centrados na convivencia da fauna cidadá, o mundo felino, as alternativas aventuras de Aladino, os prototipos de individuos pensantes, as nacións indias, as metamorfoses, as andanzas lobeiras, as vivencias faquires, as revisións fílmicas, os episodios fúnebres ou as historias de espías, entre moitas outras. Mais teñen unha especial presenza aqueles relatos de natureza (meta)literaria, onde, a partir da cita dun creador ou libro concretos, vai medrando unha nova historia que dialoga con esas referencias, así como tamén se fan moi visibles no volume as narracións (meta)lingüísticas, nas que se convida á reflexión sobre o propio acto da escrita, o poder da palabra e os mundos e relacións que esta establece.

Nun tan amplo mostrario como o que aquí ofrece Díaz-Castroverde, é máis que explicable a variabilidade no acabamento das historias e, se ben son maioritarias as pezas que sorprenden polo ocorrente dos xogos de palabras que encerran, as intelixentes contrafacta e reescritas e as moitas liñas que zumegan ironía fina, parodia sutil e aínda xenuína retranca, é tamén innegable que algúns outros textos defenden unha anécdota inxel abondo, dificilmente suxestiva, con malabares verbais moi obvios e incluso con reiteración de motivos dunhas narracións a outras.

Mais o conxunto que Microbios e outros paquidermos conforma resulta de moi agradable lectura e amosa acertos indiscutibles, como a historia do labrego que asasina a Aladino por invadir a súa leira esmagándoo co tractor (maxistral captación da idiosincrasia de noso); o individuo que rexeita semana tras semana cartas que non veñen ao seu nome pero que, ao animarse un día a abrir unha, leva a sorpresa de que quen lle escribe sabe do feito e lle propón un desafiante cambio de identidades ou a insólita relectura das palabras de César ao descubrir a traizón do seu fillo Bruto, ao que neste libro non responde co consabido “Tu quoque fili mihi”, senón cun sonoro e anfibolóxico “Bruto, carallo!”. Velaquí apenas tres exemplos do moito interesante que pode lerse nesta obra, coa que Fernando Díaz-Castroverde principia unha andaina como narrador que promete e moito.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 5-2-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Narrativa galega actual and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>