En 1925, un viaxeiro francés de nome descoñecido que asinaba co pseudónimo da súa vila natal —Laurent d’Arce, unha pequena localidade da Xironda— publicou Sur les routes de Compostelle après la Grande Guerre, suivi d’une lettre sur l’Andorre, unha longa narración dunha viaxe á cidade do Apóstolo dende a amentada poboación gala realizada en tren uns anos antes.
Co título As rutas de Compostela. Camiñando cara ao “campo da estrela” no ano 1919 a Editorial Toxosoutos acolle a tradución de boa parte do orixinal francés (foi suprimida a translación da lettre sur l’Andorre) da man do historiador especializado en temas xacobeos Paulo Nogueira Santiago.
O volume conta cun limiar do editor e tradutor, quen repasa nel os escasos datos que da biografía do autor se coñecen para centrarse logo nunha presentación divulgativa sobre a España da época na que se produciu a viaxe.
Como cabo ao libro, Nogueira Santiago reproduce íntegro o inventario B. 8439 da Biblioteca Nacional de Francia, no que se inclúen algúns textos breves de natureza xacobea, anónimos nuns casos e debidos a Pierre Anquez noutros.
Canto ás bondades da tradución, como xa nalgunha outra ocasión manifestei a conveniencia de que o equipo editorial, conxuntamente cos autores, redobrasen os seus esforzos na revisión idiomática das versións que se ofrecen, visto o escaso éxito de tales recomendacións, evitarei determe. O lector intelixente saberá extraer conclusións por si mesmo.











