A poética vesubia de Olga Novo

Escribo estas liñas xusto despois de dar remate ao derradeiro poema de Cráter, o novo poemario de Olga Novo. Fágoo así deliberadamente, desafiando a convención que recomenda distancia na lectura, repaso e meditación. Non quero ese arredamento. Non me ha facer máis obxectivo. Non o preciso para afirmar, sen medo a equivocarme, que este libro é un dos mellores dos últimos anos, un volcán versal de erupción supernova que ha engulir os lustros, pois é a súa autora unha das voces máis importantes da literatura galega do noso tempo.

E cando declaro que é unha poeta sobranceira da súa xeración fágoo tendo ben presente a súa traxectoria anterior, que a avala alén de calquera discusión, pois aí están para despexar dúbidas A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004), mesmo os menos divulgados pero non por iso menores Amar é unha india (1997), Magnalia (2001) ou Monocromos (2006).

Estruturado en seccións xeolóxico-combustivas (“Cinsa”, “Pedras”, “Lava” e “Rocha metamórfica”), as composicións de Cráter entretécense subxenericamente alternando o poema longo ―de alento narrativo― co poema aforístico ―sentencioso―, a prosa poética coa peza lírica parateatral.

Esta sinfonía derrámase vesubia en textos que amalgaman telurismo matricial e holovisión cósmica, nun cadoiro de raiceira amatoria onde a tribo familiar se homenaxea na exaltación da estirpe, do sangue que ouvea por eóns, que nos fecunda e invade.

A escrita de Novo é en desmesura. O sentimento indomable, a insubornabilidade ácrata, a procura incesante da Feliz Idade, a entrega total a Amor ―vale dicir a Vida, pois para o caso sinónimos son― configúranse como gradicelas nas que o ser vai facendo fulgurar os días, as memorias, a linfa das paixóns.

Cráter é un estourido de apocalipse neosurreal, un tornado de afirmación xenérica no que a xenómica libertaria aniña no corazón subversivo. A revolución da deusa cereal, da que nada quere porque a todo aspira, a Sibila que preside a Intuición superior, ese entrar en transo para ouvir a ladaíña crómlech das Idades, para liberar a Campania mundo da exaltación circumvesuviana é o que a poética de Novo fai fluír en fervenzas de magma metafórico nas que cohabitan os Penates: Bretón, Safo, Valente, Rodríguez Fer, Gamoneda, Dickinson, Rilke, Ferré, Novoneyra, Rimbaud…

Cráter, de Olga Novo, non é unha lectura recomendable. Nin sequera conveniente, mesmo proveitosa. É unha revelación, un cáliz ardente que traspasará a quen a el se achegue. Un crater de “epitelio e cinzas”, de “queratina e granito” que te cambiará: entra na Luz…

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 12-2-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Poesía galega actual and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>