Versos inconsútiles

Un amigo faime chegar Na véspera do silencio coa petición de que o lea, pois, segundo a súa consideración, é “moi delicado e fermoso”.

Coincido co amigo: os versos de Soledad Pite son abondo delicados e sono no pleno sentido etimolóxico da palabra. Tamén si, por suposto, fermosos, como esas figuras talladas de galanura imposible que acompañan os máis selectos halls.

Pite vive na tradición. Toda ela é tradición pura, herdo modernista devocionalmente omnipresente ao que Rubén Darío ou Juan Ramón —fóra metros e rimas— darían o placet sen pestanexar. Unha virtude esta de ser quen de escribir deslocada no tempo.

Destarte, en poemas de sonorísimos títulos (“Veludo en silencio”, “De que estará feita a cor do ceo?”, “Tras, tris, tras”, “É hora de deixar que escape un suspiro”, “Empínate sobre a punta do pé”…) reloucan ceibos os suspiros, as cores do ceo, a auga de rosas, as miradas limpas, as letras tan amadas e as maxias de todos os posibles, topoi recorrentes dende que o mundo é mundo e @s poetas o cantan.

E é que é moito o que pode aprenderse sobre o si e o non nestes versos gráciles e inconsútiles, que se adornan coa solaina floral do connaisseur Luís Cochón, quen regala aquí un exercicio de auténtico malabarismo hermenéutico. Abofé.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.