Xosé Ramón Pena escribe como vive, de bolina, tratando de capear os ventos literarios en proveito da nave da cultura de noso, na que é persoeiro destacado dende hai décadas.
De primeiras fíxolle cóxegas a Erato. A Transición abría un mundo de expectativas e el experimentou aquela vertixe sendo estudante en Compostela, partillando ilusións cos colegas de Alén, aquel grupetto lírico de benquerenzas da Galicia grande das dúas beiras do Miño e os cinco continentes.
Logo os aires viraron e o paixón pola narrativa fíxolle ir halando textos ata vogar en títulos que foron O reverso do espello (1984), Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2005) ou A batalla do paraíso triste (2008).
Mais non esqueceu polo camiño a manobra ensaística e deixou marcada foula nos estudos sobre a Vangarda galega e a nosa literatura medieval, nos que é autoridade amplamente recoñecida.
Hoxe é capitán dun dos nosos suplementos de referencia, “Faro da Cultura” (Faro de Vigo), e prodiga os seus saberes como catedrático vigués de Ensino Medio e profesor da uned.
Nas liñas que seguen figúrase un autorretrato literario, de corpo enteiro, dunha voz clave da nosa literatura recente.
—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
O meu primeiro libro, Alén, publiqueino conxuntamente con Miguel A. Mato e F. Salinas Portugal na editorial Follas Novas. Os nosos “padriños” foron José Luis Rodríguez —o noso verdadeiro mentor naquela aventura— e D. Ricardo Carvalho Calero, que nos fixo un tan inmerecido da nosa parte como, da súa, magnífico prólogo.
—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
A mellor tratada creo que foi —estou falando da narrativa, non do ensaio e demais— A batalla do paraíso triste. A que pasou máis desapercibida creo que foi A era de Acuario. ¿Por que pasou isto? Sinceramente, non o sei. Imaxino que, ao mellor, cando saíu A era de Acuario —que é unha novela de iniciación, con moitos elementos autobiográficos— non estaba de moda ese tipo de narracións, interpretouse que era algo así como “máis do mesmo”… En fin, é difícil precisalo.
—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Se é narrativa, escribo sempre pola noite e corrixo pola mañá ou polo mediodía. Cando estou metido nunha aventura desas, escribo todos os días, aínda que logo o que escribín vaia para o lixo. Ademais diso… non creo que teña ningunha teima especial ou rara.
—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?
Pois duns cantos, pero, a verdade é que me dá “corte” dicir ao lado de cales porque, de certo, non merezo estar ao seu lado. Non se trata de franciscanismo nin de falsa modestia; é o que sinto de veras. Pero, vaia, claro que me gustaría estar ao lado de Blanco Amor, de Ferrín… Dos máis recentes, que é a pregunta, e centrándome na narrativa, estaría ben con Manolo Rivas, Riveiro Coello, Gonzalo Navaza, Estro Montaña, Fernández Naval, Bieito Iglesias, Xelís de Toro…. Ademais, felizmente, ¡algúns deles reúnen a condición de ser moi bos escritores e mellores amigos!
—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
¡Vaia pregunta máis pouco doada! Non sei, pero sempre busquei que a historia que conto estivese moi acompañada por unha tensión na linguaxe que tivese a mesma, ou máis, intensidade que o propio fío argumental.
—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
Son moi ecléctico niso. Ademais, por motivos profesionais, leo moita historia e historia da literatura. Por puro e duro pracer, leo cousas moi variadas. ¿Regresar con quen? Sempre con García Márquez —aínda que estilisticamente non me interesa nada; quero dicir, ten un estilo tan marcado que se pretendes imitalo, afogas—, Joseph Roth, John Le Carré, o xenial Conrad, London… e dos nosos, sempre Blanco Amor e Ferrín.
—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
¡O que lles falta é público! Hai xente que escribe moi, pero que moi ben. ¡O que lles sobra é esnobismo e a falta dunha crítica realmente crítica que separe de vez o trigo da palla!
—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Se soubese que o meu tempo se esgota, ¡sabe o demo como reaccionaría! ¡Eu que sei, meu! Pero non creo que me preocupase moito por aquilo que escribín ou deixei de escribir.
—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
O que dicía máis arriba: hai xente que escribe moi ben, que, realmente, fai unha literatura de primeira. Desafortunadamente, a canda dela hai —mesturados todos nun caixón de xastre/desastre— cousas absolutamente infumables. A crítica —ou certos críticos— teñen o gusto estragado ou carecen do que hai que ter para peneirar voces e ecos, o que é decente do que é puro esnobismo. Iso impide que se consolide un público, á súa vez, con criterios formados, que todo pareza o mesmo e que, en consecuencia, cadaquén se poida situar onde lle corresponde. Pero, repito: non é problema dos escritores, senón daquilo que os rodea, ¡quede claro!











