De re mindoniense

Os responsables da encomiable Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo fanme chegar exemplares das súas últimas publicacións, demostrando, máis unha vez, que na vella cidade norlucense segue viva a secular tradición letraferida.

En concreto, son tres as novidades saídas do prelo de Sucesores de Mancebo, a imprenta mindoniense rexentada por Fernando López González que é, ata onde eu sei, a máis antiga de Galicia: a primeira, o poemario Antes que a alborada chegue, da autoría de Luciano de Monfadal (isto é, Luciano Ares Díaz, amador das lombas valecas que levan ás covas do Rei Cintolo e do lugar de Monfadal, que adoptou como nome literario). Son, os seus, textos de efusiva emotividade, de inxel admiración e humildade compositivas que cantan as paisaxes e xentes conterráneas no ronsel da escola neovirxilianista.

A segunda destas novidades é a breve monografía Franceses en Mondoñedo. 1809, asinada polo ensaísta e tamén ocasional poeta Xosé Ruiz Leivas. Neste documentado ensaio ―que inclúe un prólogo mínimo de Pedro Díaz Fernández e mais diversos mapas sobre campañas militares e outras cuestións― dáse conta do papel xogado pola antiga capital do Reino na loita contra as tropas dos xenerais gavachos Soult e Ney e o heroico comportamento dos mindonienses en tal transo.

Por remate, os esforzados integrantes da Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo dan á luz tamén un novo número da veterana cabeceira Mondoñedo, periódico fundado hai décadas por Xosé Díaz Jácome e mais Ricardo Pedreira, que chega así ao seu número cento seis (correspondente ao decembro pasado), convertido xa en imprescindible voceiro para quen queira saber todo o que na terra da Paula acontece.

Vai dende Criticalia o aplauso máis entusiasta para as xentes da Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, que coa súa xenerosa e desinteresada dedicación fan posible que a historia literaria mindoniense siga acesa neste novo milenio.

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Poesía galega actual, Varia and tagged , , , , , , . Bookmark the permalink.

Unha Resposta a De re mindoniense

  1. Xose Ruiz Leivas di:

    Armando graciñas polas túas palabras. Sempre axudan as boas opinións dos amigos.
    Graciñas e ata o día de Álvaro.
    Xosé

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>